O 7 de abril de 2020, durante o máis duro da pandemia de COVID-19 e a excepcionalidade do Estado de Alarma, a Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo aprobou a tramitación dunha Revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Esta repentina urxencia no peor dos momentos para a acción cívica, tentaba ser un remedo ao desleixe dos cinco anos anteriores, no que dende o Concello non se fixo nada para amañar a anulación xudicial do PXOM do ano 2008.
Non obstante, o inicio desta Revisión abriu unha interesante xanela para a mellora e ampliación do Catálogo de Patrimonio Cultural do devandito PXOM de Vigo, especialmente importante no caso do patrimonio industrial, tan maltratado no PXOM do ano 2008.
Así pois, xa no primeiro trámite desta Revisión (a Avaliación Ambiental Estratéxica, en agosto de 2020), a daquela Asociación Cultural Vigo Industrial presentou unha suxestión de mellora do Catálogo do Patrimonio Cultural (ver artigo), na que amais incluímos a solicitude presentada previamente perante o Concello de Vigo e Xunta de Galicia para a "conservación, posta en valor e reutilización da conserveira Alfageme de Bouzas" (ver artigo).
As nosas suxestión de mellora do PXOM e a solicitude sobre a Alfageme de Bouzas foron recollidas no Documento de Alcance da devandita AAE, pero isto non implicou que as nosas demandas fosen totalmente atendidas posteriormente no Catálogo de Patrimonio Cultural do Documento para Aprobación Inicial, presentado polo Concello de Vigo en xullo de 2021. Así, aínda que nese DAI si se mellorou a forma e información das fichas dos catálogo tal e como demandamos, e tamén se protexeron certos elementos por nós reivindicados como "o edificio principal de Santa Clara, a antiquísima fábrica de La Cristina, o edificio da Iberia Gallega en Guixar", non se recolleron outros tantos elementos importantes como a cheminea da fábrica da Coutada Nova ou as naves de MOAHSA. No tocante a Alfageme de Bouzas, aínda que si que houbo nesta proposta de 2021 certas melloras respecto ao habido en 2008, estas déronse nun grado insuficiente e dun xeito enrevesado e incluso pernicioso que non merece o inmenso valor e potencial da Alfageme de Bouzas.
En consecuencia, en xaneiro de 2022 (agora xa diluída a Asociación Vigo Industrial), eu, Uxío Reinoso Maset, en colaboración con outras persoas e entidades (entre as cales cabe salientar a Asociación Cultural Vila de Bouzas no tocante a Alfageme), decidín presentar seis alegacións á Revisión do PXOM de Vigo para incluír e mellorar a catalogación e protección dun total de oitenta e nove elementos do patrimonio industrial do Concello de Vigo.
Estas seis alegacións que serán obxecto de outros tantos artigos nesta web son:
1- Complexo de conservas Alfageme de Bouzas.
2- Encoro da fábrica La Cristina de Lavadores.
3- Fábrica de cerámica MOAHSA de Coruxo.
4- Complexo de La Artística de Coia.
5- Corenta e tres elementos de patrimonio industrial de ámbito "terrestre".
6- Corenta e dous elementos de patrimonio industrial de ámbito portuario.
A quebra de conservas Alfageme e a especulación inmobiliaria coa factoría de Bouzas.
Cando no ano 2005 se iniciou a elaboración do Plan Xeral de Organización Municipal de Vigo, a factoría Alfageme de Bouzas aínda era un activo industrial, pero axiña viuse inmersa nun suposto proceso de reconversión que posteriormente mostrouse que era puramente especulativo. Recordemos agora brevemente os principais fitos daquel complexo proceso:
● A partir de 1989, a cuarta e quinta xeración dos Alfageme sucedéronse rapidamente na dirección dunha empresa que atravesaba certas dificultades conxunturais. Comezouse entón un proceso de reinvestimento (en 1995, o Banco Bilbao Vizcaya compra o 40% das accións) e reorganización. Primeiro fechouse a factoría de Alxeciras e despois reorganizouse a produción nas catro factorías galegas (Bouzas, Cambados, Ribadumia e O Grove). Pero isto mostrouse insuficiente, e nos anos seguintes repetíronse os rumores sobre posibles ventas e fusións con outras empresas conserveiras. *1 e 2
● O momento crítico deuse a comezos de 2006, cando por unha banda considerouse o feche da factoría do Grove (trasladando aos seus empregados a Ribadumia e Vigo), mentres que por outra, aproveitando a tramitación do PXOM de Vigo, o inmoble da factoría de Bouzas pasou a formar parte dunha complexa operación urbanística: o Concello recualificaría os 13.000 m2 da parcela principal do complexo outorgando unha edificabilidade de 45.000 m2, coa única condición de que, para manter os postos de traballo, os industriais reinvestisen tales beneficios nunha nova factoría na proxectada Cidade da Pesca en Valadares. *3
● Mais de súbito, en febreiro do mesmo 2006, a pesares de que a dirección da empresa desmentirá recentemente a posibilidade da venda, o grupo de Inversiones Louredo adquire Bernardo Alfageme S.A. Inversiones Louredo é unha empresa vinculada en orixe ao mercado inmobiliario, pero que recentemente adquirira unha factoría atuneira no Brasil e Conservas Peña e Thenaise-Provoté en Galicia, o que lle permite presentarse ante o Conselleiro de Economía da Xunta coma a promotora dun novo "grupo gallego de la conserva" que continuaría baixo a denominación Bernardo Alfageme S.A. *4 e 5
●Mais axiña, en decembro de 2006, é outra empresa con activos inmobiliarios, Promalar S.L. a que compra BASA. Nesta ocasión é o directivo de Promalar, Juan Lago, o que defende con éxito o novo proxecto industrial de BASA ante a Conselleira de Pesca e as traballadoras. *6, 7 e 8
●Namentres, o Concello de Vigo saca adiante o PXOM, catalogando a fachada do edificio principal da Alfageme coma elemento patrimonial a conservar. Indicando tamén que alí crearíase un Museo da Conserva e un xardín público. *9
● Xa no ano 2008, a Xunta invalida aquela complexa operación de especulación urbanística orquestrada por BASA e Concello de Vigo que debía boa parte da súa rendibilidade a que fose cualificado coma Solo Urbano Consolidado. *10
● Entón ao suposto grupo conserveiro galego sáenlle fauces de formigón e demanda ao Concello de Vigo e a Xunta por interferir no futuro do que adquirira coma "inmoble industrial". Desta volta, o Concello de Vigo replica tamén na linguaxe do formigón, pero con cariz social: mantén a edificabilidade, pero aumenta a porcentaxe de vivenda protexida. *11, 12 e 13
● Así pois, no final deste proceso o inmoble da Alfageme de Bouzas foi parcialmente protexido, pero tamén recualificado como solo urbanizable de tipo residencial e terciario. En concreto, o PXOM de 2008 definiu na Alfageme unha parcela de 13.953 m2 en Solo Urbano Non Consolidado, na cal se permitía unha edificabilidade de 42.837 m2, da cal 20.780 m2 serían para "vivenda libre", 15.850 m2 para "terciario xeral", 6.207 m2 para "vivenda protexida", e 2.000 m2 para "uso non lucrativo Museo da Conserva". Pola súa banda, a sucinta ficha do Catálogo de Bens Culturais do PXOM parece unicamente protexer o edificio principal da Alfageme cun nivel Ambiental 1.
● En 2009 a fábrica de Bouzas xa está desafiuzada e as traballadoras da BASA non cobran, aínda que os millóns das subvencións seguen a chegar a empresa. *14, 15, 16 e 17
● En abril de 2010, BASA quebra e entra en concurso de acredores mentres que o Concello de Vigo tenta ligar a execución da operación urbanística co pago das indemnizacións as traballadores. Posteriormente, en 2012, un xulgado de Vigo sentenciou a Gustavo Lago (fillo de Juan), como responsable da quebra desta empresa. *18, 19, 20 e 21
● En marzo de 2011 (unha vez desbotado calquera outro proxecto de continuidade industrial) o xulgado inicia o proceso de liquidación de BASA. Entre os acredores da empresa quebrada atopábanse unhas 150 traballadoras, varios bancos e a mesmíña Xunta de Galicia, que mediante o IGAPE tiña avalado o proxecto do novo "grupo gallego de la conserva" de Inversiones Louredo e Promalar con 32,5 millóns de euros. *22, 23 e 24
● En maio de 2015, despois de varios intentos de poxa xudicial fracasados, e ante a inmobilidade da Xunta de Galicia (que aínda tamén era acredora mediante o IGAPE), unha oferta conxunta dos principais bancos acredores (ABANCA, Banco Popular e Banco Gallego) faise coa propiedade da factoría de Bouzas por 11,2 millóns de euros (menos dun terzo do taxado) . *25, 26 e 27.
● Sen embargo, aconteceu que, en novembro de 2015, unha sentenza do Tribunal Supremo anulou o PXOM de Vigo de 2008. De tal xeito, a parcela da Alfageme de Bouzas perdía aquela edificabilidade de tipo residencial e volvía a cualificación e clasificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana de 1993 (Solo Urbano Consolidado, pero de tipo industrial), aínda que se mantiña a protección patrimonial sobre o edificio principal do complexo, aprobada en 2008.
Trala pancada xudicial, o Concello de Vigo tentou crear a falsa imaxe de normalidade, prometendo un prontísima revisión e legalización do PXOM de 2008 ("en aproximadamente seis meses" chegou a prometer Abel Caballero en agosto de 2016). Pero isto non foi así, e non houbo aprobación provisional da revisión do PXOM ata o día dos Santos Inocentes de 2023, e aínda a día de hoxe estase a espera da aprobación definitiva. *28
Non obstante, os bancos donos da Alfageme de Bouzas non ficaron inocentes todo este tempo, e xa en 2018, comezou a haber noticias de que estaban a tratar co Concello unha nova recualificación que permitise unha pronta edificación residencial na parte do inmoble industrial non protexido patrimonialmente. Amais, sexa pola incertezas do plan urbanístico de Vigo ou outras razóns, cara novembro de 2021, puxeron en venda a parcela mediante a inmobiliaria Aliseda. Pola súa banda, un grupo de extraballadoras, ante as expectativas destas operacións económicas, reactivaron as súas demandas de cobro de salarios impagos. *29, 30, 31 e 32.

Plano de "Estructura viaria e alineacións" da "Área de Ordenación Detallada A-3-21 Alfageme" do PXOM de Vigo do ano 2008. Obsérvense os volumes e a alturas máxima permitidas. (Ver "Anexo Xustificativo..." e planos)
A situación da Alfageme de Bouzas nos primeiros pasos da Revisión do PXOM de Vigo.
Así pois, cando por fin en abril de 2020 o Concello de Vigo comeza a tramitar a Revisión do PXOM, estaban presentes fortes intereses económicos para reeditar a recualificación da factoría de Bouzas como solo residencial edificable e non ampliar a súa protección patrimonial.
Ante esta perspectiva, xusto antes de iniciarse a tramitación desta Revisión do PXOM, a daquela Asociación Cultural Vigo Industrial presentou sendas instancias perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e o Concello de Vigo solicitando a protección integral do complexo industrial da Alfageme de Bouzas. *33
Sen ningún reparo, neste momento inicial de tramitación do PXOM (o procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica, que inclúe un Borrador de PXOM), o Concello de Vigo limitouse a recoller os bens de patrimonio cultural que tiña obrigación de incluír (os inventariados e catalogados pola Xunta), sen mostrar intencións de ampliar ou mellorar o Catálogo do PXOM do 2008 (que no caso da Alfageme podería significar que se protéxese unicamente o edificio principal cun nivel Ambiental). Nesta liña de inacción, nos planos de ordenación do Borrador a Alfageme de Bouzas aparece sinalada cun único punto sobre o edificio principal, sen delimitación de área; de tal xeito, poderíase entender que o resto de edificios do complexo poderían quedar excluídos e desprotexidos coma estaban no PXOM do 2008.
Sen embargo, nos Planos de Ordenación deste Borrador danse unha serie de determinacións que tanto poderían significar unha proposta urbanística para unha ampla (que non íntegra) conservación do valioso conxunto patrimonial, pero tamén permitirían o desenvolvemento dunha nova edificación lucrativa. Así, cualifícase a totalidade da parcela coma Solo Urbano Non Consolidado; polo tanto compatible coa a súa conversión en dotacional (polo caso, un Museo da Conserva ampliado respecto ao do PXOM de 2008), pero esta tamén é unha cualificación compatible cun proceso de urbanización e reforma (ou sexa demolicións e novas edificacións). Por outra banda, só unha parte dos edificios (o principal, o anexo e as naves do almacén de madeira) aparecen delimitados como Equipamento Público, mentres que o xardín e resto de edificios (vivenda dos donos, edificio de servizos ...), aparecen como libres (e ou sexa -se acaso-, edificables, lucrativos, privados...)
Ante semellante miseria de proposta municipal, na Asociación Cultural Vigo Industrial (dentro do trámite de consulta pública deste procedemento de AAE) presentamos unha Suxestión para mellorar a forma e contido do conxunto do Catálogo de Patrimonio Cultural do novo PXOM, e especificamente volvemos reincidir na necesidade de que ambas administracións artellen unha protección integral do complexo da Alfageme de Bouzas. Nesta liña, durante este procedemento de AAE, a DXPC indícalle ao Concello de Vigo que nos Planos de Ordenación teñen que aparecer "correctamente" os "contornos de protección" dos bens, e non simples puntos colocados ao seu xeito como acontecía no caso da Alfageme de Bouzas. *28

Detalle do plano de Información nº 8 do Borrador do PXOM, "Elementos do Patrimonio Cultural e Natural inventariados ou delimitados".

Detalle do plano de Ordenación nº 1/4 do Borrador do PXOM, "Estrutura xeral e orgánica do territorio".

Detalle do plano de Ordenación nº 2/4 do Borrador do PXOM, "Clasificación e categorización do solo".
A situación da Alfageme de Bouzas na Aprobación Inicial da Revisión do PXOM de Vigo.
A Aprobación Inicial do PXOM, realizada a final do verán de 2021, trouxo moitas sorpresas desagradables para aqueles que desexábamos e loitábamos pola conservación e rehabilitación do conxunto histórico da Alfageme de Bouzas.
Lonxe de apostar por unha conservación integral e aclarar as ambigua determinacións propostas no Borrador, agora facíanse cambios sustancias no estatus urbanístico da histórica conserveira, dividindo a parcela en tres ámbitos urbanísticos, comprometendo así a execución dunha rehabilitación e reutilización rápida, conxunta e congruente.
Este delirio urbanístico estendíase incluso ao Catálogo de Patrimonio Cultural e Natural, onde, sen xustificación histórica ou cultural algunha, repártense os edificios a conservar da Alfageme en dúas fichas distintas. Amais, para maior delirio e confusión, esta repartición dalgúns dos edificios da Alfageme en dúas fichas do Catálogo non se correspondía coa repartición dada nos ámbitos urbanísticos.
Concretamente, nesta Aprobación Inicial definiuse dous ámbitos de Solo Urbano Non Consolidado na parcela da Alfageme: o SUNC 232 Beiramar Alfageme (sector oeste) e o Sistema Xeral Adscrito ao SUNC 237 Camiño Barciela-Esturáns-Tomás Alonso (sector leste).
No sector oeste da parcela (o SUNC 232), de 6.356 m2, daríase unha boas condicións para o lucro inmobiliario, permitíndose unha edificabilidade de 1,25 m2/m2, cuns usos 90% residencial (30% vivenda protexida) e 10% terciario. As cesións para o sistema local público serían o mínimo marcado pola lei, e consistirían na adquisición e cesión ao público dunha pequena área para o Sistema Xeral Adscrito ao SUNC 237 (456 m2 do xardín do sector leste).
Os edificios protexidos neste ámbito urbanístico SUNC 232 (as antigas naves do almacén de madeira e a vivenda dos donos) o estarían co nivel Estrutural. Isto sería unha aparente mellora respecto ao Catálogo do PXOM de 2008 (que non daba ningunha protección), pero dada a alta edificabilidade outorgada, compre pensar que se está a proxectar unha práctica de fachadismo (tal e como permite a lei de Patrimonio Cultural) e construír vivendas no lugar mediante a “reestruturación” e as “ampliacións, en planta e altura” das estruturas dos elementos protexidos; hai que ter en conta que non hai moitos outros metros de solo dispoñible para a edificación, e tamén condiciona a mesma o límite das 8 alturas permitidas.
Moito máis complicada é a situación do sector leste da parcela, que é cualificado como Sistema Xeral Adscrito ao SUNC 237 Camiño Barciela-Esturáns-Tomás Alonso. Isto é, sería preciso o desenvolvemento dunha enorme bolsa de Solo Urbano Non Consolidado que se estende por 104.718 m2 destes lugares de Coia, para que o edificio principal, a nave anexa e o sector leste do xardín da Bouzas de Alfageme pasase á propiedade pública.
O SUNC 237 Camiño Barciela-Esturáns-Tomás Alonso, non só é unha dos maiores ámbitos de SUNC do PXOM de Vigo, senón que tamén un dos de máis complicada execución, xa que entre outros factores (localización, terreo...) conta cunha gran atomización da propiedade; trátase dunhas 120 parcelas catastrais, das cales a maioría están habitadas ou serven como almacéns e talleres (o caso da antigas naves de Gaseosas La Pitusa).
Por último, compre sinalar que neste sector leste da parcela da Alfageme, catalogáronse e protexéronse o edificio principal e a nave anexa, igualmente con nivel Estrutural, polo cal tamén cabería a posibilidade de que se fixeran aquelas obras de “reestruturación” e as “ampliacións, en planta e altura” que permite a lei; aínda que é de esperar que neste caso, a propiedade pública, en principio, non tería interese en facelo, pero quizais si en edificar ou alterar o xardín, que non ten ningunha protección patrimonial.
En conclusión, a proposta para Alfageme da Aprobación Inicial do PXOM, aínda que cataloga e protexe un boa parte dos edificios da Alfageme, está moi lonxe dunha protección integral (non se protexe o xardín, nin o edificio de servizos, nin outros elementos como depósito de auga, o hórreo...), e máis tendo en conta a edificabilidade concedida no sector oeste. Pero quizais o máis grave é a fórmula urbanística adoptada, que probablemente implique unha intervención en dous momentos e por dúas mans distintas, se é que a parte leste chegase algún día a realizarse.

Detalle do plano de Ordenación nº 05/9 da Aprobación Inicial do PXOM, "Catálogo".

Detalle do plano de Ordenación nº 1/9 da Aprobación Inicial do PXOM, "Estrutura xeral e orgánica do territorio".

Detalle do plano de Ordenación nº 02/9 da Aprobación Inicial do PXOM, "Clasificación e categorización do solo".
A alegación presentada por Vigo Industrial.
En outubro de 2021 iniciouse o trámite de información pública e o prazo para presentar alegacións á Aprobación Inicial da Revisión do PXOM de Vigo. Co propósito de lograr unha mellor protección patrimonial e un plan urbanístico que permitise unha intervención áxil no conxunto da Alfageme de Bouzas, Vigo Industrial (en diálogo coa Asociación Cultural Vila de Bouzas) presentou unha extensa e completa alegación sobre diversas determinacións dadas nesta Aprobación Inicial. Aquí podes consultar o texto íntegro da alegación presentada. Exporemos aquí brevemente as nosas solicitudes:
A) A catalogación no Revisión do PXOM de Vigo do complexo industrial-residencial-portuario da conserveira Alfageme de Bouzas coma Conxunto Histórico de tipo Industrial con nivel de protección Integral.
B) Incluír nesta figura de protección a totalidade dos elementos inmobles e espazos libres do conxunto, tanto da parcela principal coma da portuaria (ver supra: plano identificador), incluíndo elementos accesorios dos mesmo coma son: o depósito de auga, o hórreo e cruceiro do xardín, as estruturas de sustentación interna e cubertas das diversas naves, carpintería de madeira e cristal das divisións internas, letreiro, escaleiras, vidrieiras, maquinaria, empedrado das vías internas...
C) Que toda a parcela principal da Alfageme sexa cualificada como unha única peza do Sistema Xeral de Equipamentos, co obxecto de establecer un equipamento mixto (dotacional e verde) e multifuncional.
D) Que a obtención de solo desta peza do Sistema Xeral debe ser vía expropiación ou permuta forzosa.
E) Que se adopte un Plan Especial de Protección do conxunto histórico da conserveira Alfageme de Bouzas que prohiba explicitamente calquera tipo de nova construción, reestruturación ou ampliación do construído en planta ou altura nas dúas parcelas.
F) Ou que, no defecto do punto anterior, o conxunto histórico da conserveira Alfageme sexa integrado no Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Histórico de Bouzas.
G) Que a catalogación do conxunto histórico da conserveira Alfageme de Bouzas fágase nunha única ficha individualizada que comprenda ambas parcelas (principal e portuaria).
H) Que esta ficha do conxunto histórico da Alfageme conteña a "información detallada" e “descripción gráfica das súas características construtivas, estado de conservación” que obriga a Lei do Solo de Galicia; de tal xeito que se permita efectivamente identificar correctamente e protexer xuridicamente todos os elementos do conxunto e os seus compoñentes valiosos, interiores ou exteriores, principais ou accesorios, sexan de pedra, metal, formigón, madeira ou vidro.
Amais, Vigo Industrial, presentou outra alegación no tocante ao patrimonio industrial do ámbito portuario, que redunda posibilidade e necesidade de que a Revisión do PXOM de Vigo de catalogue e protexa tamén a parcela portuaria da Alfageme de Bouzas, así como outros 41 elementos máis (ver alegación patrimonio industrial-portuario).
A situación da Alfageme de Bouzas na Aprobación Provisional da Revisión do PXOM de Vigo.
A finais de 2023, o Concello de Vigo realizou a Aprobación Provisional da nova documentación da Revisión do PXOM. Nesta nova versión volvía cambiar o estatus da Alfegeme de Bouzas dun xeito substancial. Para aqueles que procuramos unha conservación e rehabilitación do conxunto histórico da Alfageme de Bouzas, o balance é complexo, nalgúns aspectos houbo melloras pero en moitos outros houbo incluso empeoramento. Groso modo, compre salientar:
No eido urbanístico simplificase a cuestión, ao pasar a ser a parcela da Alfageme un único ámbito de SUNC, desligándose a dotación da Alfageme da complicado desenvolvemento do SUNC Camiño Barciela-Esturáns-Tomás Alonso. Mais pola contra, auméntase substancialmente a edificabilidade residencial e comercial na parcela da Alfageme: pásase de 7.945 a 17.978 m2.
Como consecuencia deste notable aumento da edificabilidade, redúcese a superficie de Equipamento: pásase de 8.026 a 4.730 m2 (aínda que pola contra créanse uns 3.682 m2 de Espazo Libre e Zonas Verdes). Pola mesma, tamén se reduce a protección patrimonial das naves de madeira, rebaixándose o de nivel Estrutural a Ambiental en tres destas naves, e incluso unha carta nave perde calquera protección.
Pola contra, no eido patrimonial débese considerar positivamente a protección explícita da parte leste do xardín do complexo, que pasa a ter nivel de protección Estrutural, o cal debería implicar que nunca se poida facer ningún tipo de edificación nel. Tamén é positiva a protección con nivel Integral do hórreo existente neste xardín, e a protección con nivel Estrutural do cruceiro, a garita do control de accesos e o muro de feche.

Detalle do plano de Ordenación nº 05/9 da Aprobación Provisional do PXOM, "Catálogo".

Detalle do plano de Ordenación nº 1/9 da Aprobación Provisional do PXOM, "Estrutura xeral e orgánica do territorio".

Detalle do plano de Ordenación nº 02/9 da Aprobación Provisonal do PXOM, "Clasificación e categorización do solo".
A resposta a alegación presentada por Vigo Industrial.
Así pois, o Concello atendeu parcialmente algunhas das nosas demandas, e outras non. En concreto, o Informe de Alegacións di respecto á de Vigo Industrial:
Alegación nº: 1214 (...)
Unha vez analizado o exposto na alegación, procede indicar que en relación á catalogación remítese ao informe de carácter sectorial da administración autonómica competente en materia de Patrimonio. Aclarar que en atención a esta e outras alegacións reaxústase a redacción da ficha de catálogo.
En canto á cuestión urbanística, procede establecer un ámbito de ordenación unitario para a totalidade do conxunto.
Por último en canto aos terreos portuarios, reiterar a aplicación da Lei de Portos do Estado, remitíndonos aos informes sectoriais xa emitidos.
Por todo o indicador estímase que non procede acceder ao solicitado.
Sobre as nosas solicitudes compre aclarar:
A1.) Non se atende a nosa demanda de declarar o Conxunto Histórico, a pesar de que o complexo industrial-residencial-portuario da Alfageme de Bouzas concorda perfectamente coa definición desta categoría dada na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia (art. 10).
A.2) Unicamente se establece nivel de protección Integral para o hórreo, quedando o resto de elementos desprotexidos ou cos niveis Estrutural ou Ambiental; co cal ábrese a porta ás fondas obras de "reestruturación", "ampliacións" e "substitucións" (LPCG art. 41) que requiren a nova edificabilidade concedida. Así, explicitamente, a ficha do Catálogo di sobre as naves de madeira que "ao non ter elementos significativos o relevantes concretos poderian ser reemplazadas por nova edificación que manteña similares caracteristicas de integración ambiental e mesmo tratamento dos materiáis existentes".
B.1) Máis concretamente, respecto aos elementos que a nosa alegación pediu incluír explicitamente no Catálogo, quedan sen protección ningunha: o depósito de auga, o edificio de servizos, as vías empedradas, o sector oeste do xardín, as naves portuarias e o peirao. Tampouco se inclúen nos detalles da ficha do Catálogo valiosos elementos internos e accesorios do complexo da Alfageme que na nosa alegación se solicitou protexer explicitamente; coma, por exemplo, no caso do edificio principal, a "estrutura de piares e vigas metálicas, que sustentan o sobrado de madeira da primeira planta e forma o atrio cuberto sobre o obradoiro da planta baixa, os dous faiados nunha segunda altura e as estruturas, metálicas e de madeira, da cuberta; así como as varandas e escaleiras internas metálicas; os azulexos que cobren as paredes nas zonas de traballo e calquera outro elemento material de valor e significativo que se conserven dos diferentes espazos (oficinas, despachos, laboratorio, aseos, almacéns,...). Tamén deberán protexerse explicitamente nesta ficha a obra de carpintería de madeira das fiestras, e o letreiro BERNARDO ALFAGEME e o panel de azulexos co logo de MIAU". Semellante se podería dicir da vivenda dos donos, a nave anexa e as naves de madeira que tamén contan con elementos valiosos en carpintería de madeira, vidro e metal, así como algunha maquinaria.
Non obstante, si que se incluiron algúns dos elementos que na nosa alegación pedimos incluir como foron o sector leste do xardín, a caseta de control de accesos ("garita"), o hórreo e o cruceiro.
B.2) Os elementos da nave portuaria quedan desprotexidos e sen catalogar (ao igual que o resto de elementos do patrimonio cultural de Vigo en ámbito portuario, incluso os incluídos no Catálogo de Bens Culturais de Galicia). Isto faise a pesares de que o artigo 52 da Lei de Solo de Galicia obriga a incluír no PXOM a catalogación de todos os bens de interese cultural e natural do termo municipal e, loxicamente, a Lei de Portos do Estado non o impide (aínda que o así o afirme o Concello na contestación dada as nosas alegacións). De feito, cun marco normativo semellante, o PXOM de Vigo de 2008 si que catalogaba un bo número de edificios en ámbito portuario (como o Club Naútico, agora descatalogado); ou, máis recentemente, o Concello de Vilaboa si que puido catalogar e protexer o forno de cal de Punta de Travesada ou o Obradoiro do Atador do porto de San Adrán de Cobres.
C) Non se cualificou toda a parcela principal da Alfageme coma "unha única peza do Sistema Xeral de Equipamentos" como pedimos. De feito, o espazo adicado a Equipamento foise reducindo nas consecutivas fases da revisión do PXOM: no Borrador eran uns 8.400 m2, na Aprobación Inicial 8.026 m2 e finalmente na Aprobación Provisional 4.730 m2 (4.584 m2 de Eq. Xeral e 186 m2 de Eq. Local); aínda que en descargo, nesta última fase créanse dentro a Alfageme uns 3.682 m2 de Espazo Libre e Zonas Verdes (en partes do xardín e a vías empedradas)
D) Co obxectivo de posibilitar a conservación integral sen necesidade de outorgar nova edificabilidade e usos lucrativos, na alegación pediuse que a obtención polas mans públicas dos 14.382 m2 da parcela principal con destino a Equipamento Xeral fose pola vía da Expropiación ou Permuta Forzosa (tal e como permite o artigo 129 da LSG). Sen embargo na Aprobación Inicial mantívose a forma da Cesión ao Concello, agora elevada a unha porcentaxe do 25,6 % da edificabilidade lucrativa concedida máis 1,29 % da superficie do ámbito; isto é, o Concello obterá gratis uns solo de 4.838 m2 (4548 m2 de Equipamento Xeral, máis 182 m2 de Equipamento Local)
E e F) Como é lóxico e axustado a dereito, para lograr a conservación e reutilización integral dos conxunto da Alfageme, solicitamos a creación dun Plan Especial de Protección propio (art. 71 LSG), ou que se defecto se integrase no xa existente Plan Especial de Protección e Reforma Interior de Bouzas. Pero se seguiu apostando pola Plan Especial de Reforma Interior para permitir a nova edificabilidade lucrativa.
G) A parte portuaria non foi incluída no Catálogo da Aprobación Provisional, pero polo menos desta volta acabouse co disparate das dúas fichas separadas para os dous grupos de elementos da parcela principal da Alfageme que se daba na Aprobación Inicial.
H) Mellorouse sensiblemente a definición gráfica da ficha do Catálogo, incluíndo un plano detallado co diversos elementos protexidos e o seu nivel de protección.
A descrición textual é aínda moi pobre, sobre todo tendo en conta o volume e valor dos elementos catalogados. Apenas faise febles alusións ás formas da estrutura pétrea do edificio principal, esquecendo por completo o resto da obra interior e exterior deste e os restantes edificios (non aparece referencia algunha a formigón, metal, madeira, vidro...). Non se citan dimensións algunhas e apenas se citan groseiramente as divisións e plantas do edificio principal, esquecendo estes aspectos presentes na vivenda dos donos e nave anexa.
Tamén a descrición fotográfica é moi pobre, apenas unha foto, na que, para maior vergoña, o que se ve é un pequeno anaco da fachada norte do edificio principal encaixada entre as dúas naves portuarias que non se quixeron catalogar.
Pero a maior eiva (ao igual que no conxunto de fichas do catálogo) débese as escasísimas "determinacións para a súa conservación, rehabilitación, mellora ou recuperación" (art. 81 da LSG) que se fan. É máis, a única determinación aclaratoria que se fai é para permitir o "reemplazo" da parte das naves de madeira (denominadas erroneamente "naves do comedor").
Conclusións.
O Concello de Vigo segue sen comprender a importancia da Alfageme de Vigo e a apostar pola súa conservación e reutilización integral.
Apesares de que en 2015 a ilegalización do PXOM do 2008 significaba unha tabula rasa sobre a que crear un novo plan urbanístico sen concesións ao lucro privado e a catalogación da totalidade dos elementos do conxunto industrial-portuario-residencial, o Concello (despois de moito vacilar) preferiu reeditar o proxecto especulativo iniciado en 2006, e conceder unha enorme edificabilidade na parcela principal antes que correr el cos custos e responsabilidade dunha rehabilitación integral.
A conxugación da fórmula urbanística adoptada e a escasa protección ofrecida pola catalogación patrimonial, apenas permiten obter a titularidade pública e, quizais asegurar unha mínima conservación do edificio principal, a vivenda dos donos e unha parte dos espazos libres da parcela principal; o resto de inmobles quedan a expensas da iniciativa privada, que poderá demoler ou alterar o resto de edificios para encaixar a promoción urbanística da súa conveniencia.
Faise necesario máis que nunca que as administracións competentes (Concello, Xunta e Portos) cooperen e busquen unha solución integral e respectuosa co conxunto da Alfageme de Bouzas, e o primeiro paso sería reconsiderar o súa protección patrimonial e outorgarlle o máximo posible, de acordo co seu valor histórico-cultural e estado de conservación. Isto é, vista a insuficiente proposta dada na Revisión do PXOM de Vigo, é preciso declarar o conxunto industrial-portuario-residencial da Alfageme Ben de Interese Cultural de Galicia coma Conxunto Histórico de tipo industrial, a semellanza de como se fixo co complexo industrial de Sargadelos.
Do texto: (CC BY-NC 4.0) Daniel Uxío Reinoso Maset.
Das fotos: (CC BY-NC 4.0) dos autores sinalados.
Adicado aos meus pais, Manolo e María Luz, que tanto me ensinaron de cultura e xustiza social.
Vigo, 16 de febreiro de 2025.
Citas e notas
*1: CARMONA, XAN; IGLESIAS, XOSÉ RAMÓN e LÓPEZ, MARIÑA. Alfageme. Historia e memoria. Ed. Instituto de Estudios Vigueses. Vigo. 2020.
*2: RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ, MANUEL RAMÓN. "Los Alfageme. La saga de una gran marca: Conservas Miau", en Las familias de la conserva. (Carmona Badía, Xan; coord.) ed. Deputación de Pontevedra e ANFACO-CECOPESCA, 2011.
*3: P. L. "Urbanismo investiga la compra de Alfageme para evitar `especulación´", en www.farodevigo.es, 8-II-2006. Consultado o 29-V-2024.
*4: REDACCIÓN. "Alfageme, el fin de una dinastía", en www.farodevigo.es, 5-II-2006. Consultado o 29-V-2024.
*5: MÉNDEZ, MANUEL. "La firma Bernardo Alfageme entra en la puja para adquirir Conservas Calvo", en www.farodevigo.es, 7-X-2006. Consultado o 29-V-2024.
*6: J. C. "Una inmobiliaria viguesa compra las conserveras Alfageme, Peña y Marsac", en www.farodevigo.es, 21-XII-2006. Consultado o 29-V-2024.
*7: REDACCIÓN. "Alfageme presenta a la Xunta su proyecto de fusión empresarial", en www.farodevigo.es, 15-VI-2007. Consultado o 30-V-2024
*8: PIÑEIRO, L. "Los sindicatos dan luz verde a Alfageme para trasladar la planta central de Vigo", en www.farodevigo.es, 10-I-2008. Consultado o 30-V-2024.
*9: REDACCIÓN. "El edificio y los jardines de Alfageme fueron catalogados", en www.farodevigo.es, 31-VI-2006. Consultado o 30-V-2024.
*10: PÉREZ, J. e PASTORIZA, J. "Alfageme lleva el PXOM a los tribunales por las restricciones para reurbanizar su solar", en www.farodevigo.es, 17-X-2008. Consultado o 30-V-2024.
*11: BLANCO, ALBERTO. "Caballero acusa a Alfageme de actuar con "mala fe" por llevar el PXOM a los tribunales", en www.farodevigo.es, 18-X-2008. Consultado o 4-VI-2024.
*12: J. P. "Alfageme avisa de que su futuro depende de la operación urbanística de Vigo", en www.farodevigo.es, 18-III-2009. Consultado o 4-VI-2024.
*13: PASTORIZA, J. "El PXOM incorpora la vivienda protegida en Alfageme", en www.farodevigo.es, 31-III-2009. Consultado o 4-VI-2024.
*14: CARNEIRO, J. "La plantilla de Alfageme en Vigo rechaza el plan de viabilidad de la conservera", en www.farodevigo.es, 29-IX-2009. Consultado o 4-VI-2024.
*15: REDACCIÓN. "O impago dos salarios volve sacar á rúa ás traballadoras e traballadores da conserveira Alfageme en Vigo", en www.cig.gal, 15-XII-2009. Consultado o 4-VI-2024.
*16: ALBADALEJO, ANTONIO. "La plantilla de Alfageme se manifiesta bajo la lluvia exigiendo que se aclare su futuro", en www.vigoalminuto.com, 4-II-2010. Consultado o 4-VI-2024.
*17: EDITORIAL. "Alfageme como paradigma de las ayudas públicas", en www.farodevigo.es, 24-I-2010. Consultado o 4-VI-2024.
*18: EUROPA PRESS. "El juez declara a Alfageme en concurso de acreedores", en www.farodevigo.es, 19-IV-2010. Consultado o 4-VI-2024.
*19: FERNÁNDEZ, N. "Los trabajadores de Alfageme quieren hacerse oír en el Pleno del Concello", en www.vigoalminuto.com, 15-III-2010. Consultado o 9-I-2025.
*20: EUROPA PRESS. "BNG y Marea de Vigo piden al gobierno local que los beneficios de la parcela de Alfageme se usen para pagar a empleados", en www.galiciapress.com, 14-II-2023. Consultado o 9-I-2025.
*21: GRAÑA, LARA. "Gustavo Lago ocultó casi 7 millones en pérdidas de Alfageme tras hacerse con la empresa", en www.farodevigo.es, 27-V-2012. Consultado o 4-VI-2024.
*22: REDACCIÓN. "Un juez ordena la liquidación de la conservera Alfageme", en www.atlantico.net, 11-III-2011. Consultado o 8-I-2025
*23: GRAÑA, LARA. "Una firma vinculada a los Lago compra la marca 'Peña' y Calvo se hace con 'Eureka'", en www.farodevigo.es, 19-X-2012. Consultado o 8-I-2025.
*24: REDACCIÓN. "Todos contra todos en la quiebra de conservas Miau", en www.cincodias.elpais.com, 23-XI-2012. Consultado o 8-I-2025.
*25: PITA, E. V. "Sale a subasta la histórica fábrica de Alfageme por 35,6 millones", en www.lavozdegalicia.es, 9-IV-2015. Consultado o 8-I-2025.
*26: CHAPELA, C. "Ofrecen por la nave de Alfageme en Bouzas menos de la tercera parte de lo que vale", en www.diariodepontevedra.es, 7-V-2015. Consultado o 8-I-2025.
*27: REDACCIÓN. "Los bancos compran Alfageme de Vigo por 11,2 millones, un tercio del valor real", en www.diariodearousa.com, 8-V-2015. Consultado o 8-I-2025.
*28: REDACCIÓN. "A revisión do PXOM de Vigo e o catálogo de elementos a conservar: o caso do patrimonio industrial.", en www.vigoindustrial.com, 28-XII-2020. Consultado o 8-I-2025.
*29: J. B. e JTA. "Un fondo de inversión apuesta por un proyecto residencial en Alfageme", en www.atlantico.net, 18-VII-2018. Consultado o 8-I-2025.
*30: ANDRÉS, JOSÉ. "El Concello planea lograr Alfageme a cambio de 1.100 pisos nuevos en la zona", en www.atlantico.net, 10-XI-2021. Consultado o 8-I-2025.
*31:PASCUAL, ALEJANDRA. "Aliseda ofrece los terrenos de la histórica conservera Alfageme para construir una torre y dos bloques con 82 vivienda", en www.lavozdegalicia.es, 30-X-2024. Consultado o 8-I-2025.
*32: REDACCIÓN. "Los extrabajadores de Alfageme exigen cobrar si se vende la antigua fábrica de Bouzas", en www.lavozdegalicia.es, 4-VII-2022. Consultado o 8-I-2025.
* 33: REDACCIÓN. "Solicitamos ao Concello de Vigo e a Xunta de Galicia a protección integral da Alfageme de Bouzas", en www.vigoindustrial.com, 16-IV-2020. Consultado o 8-I-2025.