Tipo
Panificadora
Sector
Agroalimentaria
Uso actual
Baldío
Concello
Vigo
Parroquia
Vigo
Lugar
A Falperra
Enderezo
r/ Cachamuiña 1-3
Coord.
N 42º14'06'' O 8º43'41''GPS: 42.2351, -8.7283
A Panificadora na súa fase fundacional. Foto Arquivo Pacheco, de entre 1924 e 1929.
A Panificadora coa ampliación da sección de moenda. Diante a frota de camións (Renault) de reparto. Foto Arq. Pacheco, de entre 1930 e 1946.
Estado da Panificador tralo seu feche. Foto Eduardo Berea (IPAIVC), 1993.
non procede
Historia
Fundación
1924
Feche
1981
Fundador
Cía. Viguesa de Panificación
Retrato Antonio Valcarce García (presidente permanente da CVPSA), estimamos que arredor dos 30 de idade. Foto do Arquivo Pacheco.
Vista dende o noroeste do edificio principal. Foto atribuida a Pacheco, de entre 1924 e 1929.
Vista dende o noreste do edificio principal da Panificadora, durante a súa primeira fase, entre 1924 e 1929. Foto do Arquivo Pacheco.
Vista aérea do oeste de Vigo, coa Panificadora na súa fase incial. Foto Pacheco, do voo do Marabú do 9 de setembro de 1927.
Detalle dunha foto do Arq. Pacheco. Probablemente da visita da armada alemana en abril 1930. A ampliación de moenda rematada, os silos en construción.
Foto do acto de inauguración da sección de moenda aparecida no "Vida Gallega" do 31 de xaneiro do 1930. Antonio Valcarce é o que está á man dereita do crego.
Reseña
A “Compañía Viguesa de Panificación SA” (en diante CVPSA) foi fundada en novembro do 1920 por cinco empresarios panadeiros de Vigo, entre os que destacaban os dous maiores produtores da cidade: o presidente, Antonio Valcarce García (dono de "La Espiga de Oro", que producía 1,5 ts de pan ao día); e o secretario (que era o seu cuñado), Ángel Reboreda Rodríguez (dono de "La Madrileña", que producía 1 tn de pan ao día). O capital inicial da SA foi de 500.000 pts., e o seu propósito a fabricación e venda de pan, así como a moenda e o comercio de grans e fariñas para abastecer a puxante cidade de Vigo e a súa contorna. *1
A empresa foi concibida como un trust con capacidade organizativa, financeira e técnica para absorber aos pequenos empresarios locais (algúns deles abandonaron a súa produción cando se integraron na SA; t1), e substituír a produción artesanal e doméstica que aínda pervivía en Vigo e comarca. Incluso antes da entrada en funcionamento da Panificadora, xa a CVPSA desenrolou unha agresiva estratexia empresarial, na que, mediante a publicidade, prezos competitivos e unha ampla rede de locais e capacidade distribuidora, acadou unha posición hexemónica no mercado rexional da venda ao detall e maioristas. Empregáronse nesta primeira xeira os fornos e despachos dos socios fundadores (nomeadamente a “Espiga de Oro”) así como outros de nova creación (como o forno na rúa Santiago, e os kioskos nas prazas da Pedra e San Lourenzo).
Pero aquel obxectivo de abastecer e racionalizar a produción de pan de Vigo e a súa comarca precisaba dunha nova instalación industrial. No ano 1921 a CVPSA adquire un gran leira no barrio da Falperra coñecida como o “campo de redes”, adicada ata entón á vide. Tamén neste ano Antonio Valcarce fixo unha viaxe ata Alemaña e Bélxica co obxecto de coñecer os últimos avances na fabricación “automática” de pan, para finalmente contratar coa “Werner und Pfleiderer” de Stuttgart entre 150 e 200 ts de maquinaria. A coiuntura foi favorable á CVPSA, xa que cando houbo de facer o pago este devaluouse pola hiperinflación do marco alemán. Por último, o 11 de nadal de 1921, Antonio Valcarce asina un acordo co Concello de Vigo, polo cal, a cambio de exencións fiscais na importación da maquinaria e protección oficial en caso de folga , a CVPSA "queda obrigada a fabricar todo o pan de 1ª clase necesario para o abastecemento da poboación", así como a manter uns prezos en relación ao custe das materias primas e a facer un desconto do 3% ás institucións benéficas do Concello *d1.
O proxecto arquitectónico da fábrica da Falperra encargóuselle ao exitoso Manuel Gómez Román *2, que debeu rematalos axiña, xa que a contrata das obras sácase a concurso en novembro do 1922. A licenza de construción foi solicitada en xaneiro do 1923 e outorgada antes dun mes ao contratista Eugenio Alonso *3. Seguidamente, en marzo, a CVPSA fai unha emisión de obrigas hipotecarias polo montante de 600.000 pts. co fin de custealas obras que se iniciaron axiña.
O 25 de outubro do 1924 (antes de ter a autorización oficial) iníciase a produción na Panificadora, que aínda continúa en obras durante un ano, ata que é en novembro de 1925, cun anuncio e visita pública, é proclamada a súa conclusión. Non obstante, ou quizais precisamente pola entrada en funcionamento da Panificadora que liberaba os seus obradoiros, axiña algúns socios deixaron de despachalo pan da CVPSA e reanudaron a inversión e produción nas súas panaderías.
A pesares do éxito financeiro da CVPSA, a escala e sentido das inversións esixidas pola dirección arredou a algúns socios que lle venderon as súas accións ao Antonio Valcarce. Deste xeito, en 1929, a CVPSA iniciou a ampliación do edificio da Panificadora para habilitar a sección de moenda e os primeiros catro silos de almacenamento de gran *d2, mais para elo, foi preciso que o propio Valcarce hipotecase os seus bens persoais, e seguidamente, no 1932, a CVPSA realizar unha ampliación do capital ata o millón de pts.
Aínda que a inauguración da sección de moenda ao comezo de 1930 ampliou o negocio da CVPSA co comercio de fariñas e pensos animais a escala provincial, os anos trinta foron complicados para a CVPSA que pasou de dar uns beneficios sobre o capital do 19,69 % no 1930 a tan só reportar un 4,69 % no 1935. Primeiramente, a crise de 1929 desencadeou limitacións arancelarias á importación de gran de América así como un aumento da conflitividade social e laboral. Amais, o fracaso do trust reavivou a competencia dun xeito tan encarnizado que os comerciantes de fariña chegaron incluso a realizar unha campaña de descrédito dos produtos da Panificadora, mentres os traballadores panadeiros de Vigo realizaron unha ameaza de folga en maio do 1936. Pola súa banda a CVPSA empregou a súa influenza política para fechar acordos coas autoridades públicas para aseguralo subministro á poboación e baixalos prezos, á par que pretendeu o incremento da súa capacidade de moenda nuns "80.000 a 100.00 kilogramos diarios" coa adquisición da "Molinera Gallega" en xaneiro de 1935 .
Pola contra, a Guerra Civil foi unha coiuntura favorable para a CVPSA. Tralo golpe de estado, a dirección da CVPSA e Antonio Valcarce axiña mostraron a súa adhesión á Falanxe, ao exército rebelde e outras forzas fascistas con xenerosos donativos e prestacións. O contexto bélico significou enormes dificultades para a CVPSA; amais da escaseza e control militar de moitas mercadorias, a CVPSA padeceu intervencións e requisas de todo tipo, dende a da propia materia prima, pasando polas de camionetas, e recursos financeiros, así como as levas de obreiros para o exército. Por contrapartida, o exército rebelde converteuse en cliente e socio da CVPSA, xa que non só consumía preferentemente a produción da Panificadora (incluso a escala galega) senón que tamén foi o que lle asegurou a actividade cun subministro mínimo de materia prima. De tal xeito os beneficios e expectativas da CVPSA disparáronse, ata o punto que puido adquirir unha fábrica de fariñas en Peñaranda de Bracamonte (Salamanca, a finais de 1936) e outra en Fontiveros (Ávila, en 1938).
Na posguerra a Panificadora continuo provendo as institucións do novo estado como o cuartel de Barreiro, as bases da ETEA e Figueirido, ou os campos de concentración de Camposancos e Sta. Mª de Oia, así como moitas escolas e centros de beneficencia, e grandes clientes como a Sociedade de Armadores de Vigo e a frota pesqueira de Bouzas. Amais, a CVPSA, mediante a integración no seu accionariado de moitos pequenos panadeiros que deixaron de producir nos seus fornos, acaparou as cartillas de racionamento da gran maioría das familias viguesa (chegándose a 30.000 en 1943). Pola contra, a CVPSA viu como o edificio da “Molinera Gallega” era forzosamente empregada como cuartel; e como, a fariñeira de Peñaranda desaparecía tralo estoupido dun polvoreira (sendo reinaugurada en xullo do 1942) *4. De todos xeitos, a década de 1940 e os principios da de 1950 foron anos moi bos para a CVPSA e Antonio Valcarce, que se converteron nunha das empresas e capitalistas máis importantes de Vigo. Así nestes anos o Valcarce faise coa “Cía. de Tranvías Eléctricos de Vigo” *5, o “Banco Viñas Aranda” (despois “Banco de Vigo”) e funda a fábrica de vidros “La Florida”.
Pola súa banda a Panificadora voltou a medrar: primeiro, no 1946, fíxose unha ampliación da sección de moenda que lle permitía atinxir por fin as 35/40 ts de fariñas e pan diarios *d3; e despois, no 1948, cun moderno edificio para almacenar os sacos de fariña e salvados *d4; e no 1951, construíronse seis novos silos de almacenamento de gran *d5. Todas estas ampliacións da factoría requiriron unha nova ampliación do capital no 1946, atinxindo a CPVSA as 6.000.000 pts.
Pero a partir da segunda metade da década de 1950 operáronse grandes cambios no contexto socioeconómico para a CVPSA. Gradualmente, entre o 1952 e o 1963, foise normalizando o comercio de pan e fariñas, á par que o aumento da renda per cápita da poboación e os cambios de costumes alimentarios restoulle importancia ao pan fronte outros alimentos. Para tentar dar resposta a esta nova dinámica, a CVPSA expande a liña de pensos animais e introdúcese na dos precociñados. É entón, entre o 1959 e o 1962, cando se constrúe o edificio da rúa Falperra para a fábrica de pensos (que entra en funcionamento no 1967), ao mesmo tempo que, nos baixos, aproveitando a ubicación céntrica, habilítanse locais comerciais e garaxes *d6, d7 e t2.
Nesta xeira, un contratempo considerable foi o incendio que arrasou a sección de ensacado da Panificadora en novembro de 1966.
A fabricación de pensos estaba en orixe integrada na CVPSA, pero no 1967 fúndase “Gallega de Nutrición Animal SA” (GANASA, participada nun 94 % do capital pola CVPSA). Seguidamente GANASA participa, cun 14,29 % na fundación de “Productora Avícola del Noroeste” (PROANOSA). Neste novo negocio a CVPSA atopou un excelente socio na “Pescanova”, que de feito converteuse no seu mellor cliente, xa que a fabricación de pastas para os precociñados desta potente empresa significa máis da metade dos seus ingresos.
As razóns do fin da Panificadora son moitas, principalmente o fracaso de GANASA, que nin tan sequera podía pagar os subministros á Panificadora, pero tamén hai que ter en conta a gradual obsolescencia da Panificadora, que aínda que renovara parcialmente a súa maquinaria xa non podía medrar fisicamente máis. Por outra banda, puido ser crucial a falla dunha renovación na dirección da compañía; Antonio Valcarce seguiu sendo o presidente da CVPSA e director da Panificadora ata que morreu en xaneiro de 1978 aos 90 anos de idade.
No ano 1978, GANASA é declarada en quebra. Tamén neste ano a Panificadora perdeu o seu mellor cliente, xa que Pescanova decide participar na fundación da HASENOSA. No 1979 GANASA, PROANOSA e a CVPSA vense obrigadas a hipotecar tódolos seus bens inmobles para poder pagar ás entidades bancarias. Finalmente, no segundo semestre de 1980, a CVPSA cesa a súa actividade industrial, pervivindo a sociedade ata hoxe en día para negocios inmobiliarios.
Procesos
e
produtos
Ao longo dos case 60 anos de actividade, a CVPSA desenvolveu tres liñas produtivas (panadería, moenda e mistura) que se fornecían e complementaban unhas das outras para producir catro tipos de mercancías: pans de diverso tipo para consumo familiar e institucional, fariña de trigo para outras industrias panadeiras, pensos animais para gandeiros de todo tipo, e fariñas e masas alimentarias para grandes industrias.
- A panadería:
A orixe da CVPSA operouse nun contexto de conflitos políticos e sociais no comercio do pan e fariñas. Así, incluso antes da entrada en funcionamento da Panificadora, os distintos fornos da CVPSA pretenderon crear unha marca fiable e solvente, estandarizando a súa produción en tres calidades de pan ("de 1ª, familiar e de luxo") que se presentaba en diversos tamaños coas maiores promesas de hixiene e calidade (semella que non sempre atinxidas).
Coa entrada en funcionamento da Panificadora en outubro do 1924, a CVPSA reforzou a súa "innegable" distinción en hixiene e modernidade con novidosos produtos como foron os panciños individuais "Japoneses" e o pan integral "Graham".
Descoñecemos se nesta primeira xeira a CVPSA xa empregaba fariñas de gran de importación; tan só temos noticia da selección de "finas harinas-sémola de Castela" e "fariñas de forza do Alto Aragón". Do que si temos noticia temperá é das minas de auga da Panificadora na ladeira do Castro.
O proceso de produción deste pan de "insuperables condicións hixiénicas" ven descrito nun xornal da época.
Secundariamente, a Panificadora tamén producía pastelería, "bollos, vienas y parises", e para a beneficencia e ocasións especiais, roscóns. Na memoria de Vigo ficou o xentil costume da CVPSA de dispoñer dos seus fornos para que a veciñanza fixera os seus roscóns de Pascua *t2.
- A moenda:
A situación portuaria de Vigo permitiu a CVPSA recorrer a importación de gran barato de América. Tralo paréntese na importación polas guerras, no 1947, co acordo Franco-Perón, voltou importarse gran da Arxentina. Non obstante a orixe prioritarias dos grans empregados na Panificadora debeu ser Castela (vía Peñaranda de Bracamonte)*t2.
Se a importación de grandes cargamentos por barco era unha vantaxe no comercio rexional de fariñas, a produción propia tamén os significaba no de pans, tanto polo abaratamento como polo mellor o control das fariñas destinadas á sección de panadería.
Na hemeroteca atopamos algunhas das fariñas da CVPSA: "E. G.", "Superior Viguesa", "Extra Pani", ou a de forza "La Ballena". Complementariamente, a CVPSA tamén comercializou en exclusiva o fermento marca "Danubio".
- A mistura (de pensos e masas alimentarias):
Xa na primeira fase da Panificadora, a CVPSA introduciuse na alimentación animal co ensacado en grandes formatos de pan atrasado e pan ralado. A apertura da sección de moenda implicaba a xeración de novos subprodutos; salvados e fariñas de "cuartas e tercerillas" (tamén empregados na panificación, ou ensacados directamente para a alimentación animal), xunto con subprodutos da panadería, fariñas de peixe e outros grans, eran misturados e ensacados na 2º planta do edificio principal para crear a "Comidilla" e outros pensos.
A partir da década de 1960 as labores de mistura fanse tamén no edificio da rúa Falperra, e inclúen fariñas e masas para as industrias tranformadoras de peixe ("Pescanova") e carne ("Fribersa").
- Distribución e comercialización:
Tan importante para o éxito da CVPSA como a produción foi a distribución e comercialización do pan, que abranguía case toda a provincia, cunha rede de despachos propios e asociados, así como o reparto a domicilio. A distribución facíase mediante unha frota de camionetas, lanchas para o Morrazo, así como un corpo de repartidoras-vendedoras. No ano 1930 un xornal enumera as seguintes localidades: "Redondela, Arcade, Pontevedra, Pontecesures, Porriño, Salceda, Salvaterra, Mondaríz, Ponteareas, Ramallosa, Sabarís, Baiona, Moaña, Cangas, Bueu, etc."; lista na que habería que incluír máis localidades como Lavadores, Tui e A Guarda.
No 1921, a CVPSA presentou ao Concello un proxecto de M. Gómez Román dun moderno kiosko, pero semella que nunca chegou a construírse ningún.
- Persoal:
Non temos datos suficientes para caracterizar unha evolución do persoal da CVPSA, tan só podemos sinalar unha serie de detalles e conclusións.
As condicións dos obreiros e repartidoras deberon se bastante duras. Con conflitos polos novos horarios establecidos, e algúns accidentes graves pola maquinaria e o risco de explosións propias da moenda, así como accidentes de tráfico de chóferes e repartidoras.
Antes da debacle da década de 1970, o número de empregados debeu ser alto, superior ao cento. No banquete do XXV aniversario da fundación da CVPSA, o "Faro de Vigo" conta "accionistas, empregados e obreiros da empresa, en número de 200". Na ficha da CVPSA da Cámara de Comercio (que debeu ser feita na década de 1970), apúntase "Postos de traballo: 70 en Vigo e 30 en Peñaranda". Nos días do feche, a GANASA, tiña 28 traballadores, e a CVPSA, 54.
Na sección de panadería empregáronse tanto panadeiros locais como mozos vidos das bisbarras próximas ao berce de A. Valcarce (Ferreira de Pantón). Para finais da década de 1960 Manuel Penas, lembra na panadería 26 homes (22 na quenda de madrugada, e 4 no "retén" que facía o pan das tardes), e 18 na sección de mistura *1, 4, t1 e t2.
En realidade os empregados na panadería e moenda serían unha pequena parte do persoal da CVPSA, sendo numerosas as mulleres no reparto e despacho a pé de rúa, así como condutores de camionetas *t3 e os obreiros cualificados empregados nos talleres mecánicos e de carpintería, así como o persoal de oficinas. Na Panificadora tamén traballaron profesionais altamente cualificados, como o técnico alemán Fernando Blockinger (vido de Munich para dirixila industria), ou o administrador xeral Julio Herrero Bermejo, ("fichado" do "Banco Anglo Sud Americano" no 1925, e que despois foi accionista e conselleiro da CVPSA).
Maquinaria
conservada
Parafuso de Arquimedes para transportalo gran através da pasarela dos silos ata á moenda. Foto María Masaguer e Uxío Reinoso, 2011.
Motor do parafuso de Arquimedes, aloxado nun alto da 5ª planta do edificio principal. Foto María Masaguer e Uxío Reinoso, 2011.
Motor do montacargas adosado a fachada norte do edificio principal, aloxado na 5ª planta. Foto María Masaguer e Uxío Reinoso, 2011.
Par de sasores conservados na 5ª planta, marca "Establecimientos Morro SA, Madrid-Barcelona". Foto María Masaguer e Uxío Reinoso, 2011.
Control do sistema de ventilación-aspiración, situado na 5ª planta do ed. principal. Marca "Peronit". Foto María Masaguer e Uxío Reinoso, 2011.
Parte superior dos canais que mediante canxilóns levaban o gran ata os depósitos de acondiconamento. Foto María Masaguer e Uxío Reinoso, 2011.
Materalia
Anuncio da CVPSA no "Catálogo de Vigo", editado entre 1922-23 por José Cao Moure (PPKO).
Logo da cabeceira da correspondencia de Proanosa (ver imaxe completa en link), pertencente ao libro da correspondencia do ano 1971. Colección-Arquivo de Vigo Indstrial.
Detalle dunha etiqueta de "Pienso completo para ponedoras en batería. A-5". 24,5 x 8 cm, dobre cara. "Gráficas Doyro, 9/75" (data!?). Colección-arquivo de Vigo Industrial.
Arquitectura
Superficie parcela
6830 m2
Superficie ocupación
4260 m2
Descritiva
Notas:
- As medidas son todas aproximadas, sacadas dos planos do Arquivo Municipal de Vigo ou de medicións con sistemas indirectos.
- Os nomes en cursiva correspóndese con espazos definidos nos planos e descritiva do "Dossier Panificadora". Para maior información consulte este documento e a galería de "planos".
A Panificadora atópase no centro da cidade de Vigo, no barrio da Falperra; a media ladeira, entre o cumio do Castro e a ribeira do Berbés, a escasos metros da Casa do Concello de Vigo.
O conxunto industrial ocupa uns 6.600m2, mentres que o totalidade do solar pertencente no seu día á CVPSA serían uns 7.300m2 (incluíndo as vivendas de empregados, excluíndo o domicilio dos Valcarce-Reboreda nos nº 35 e 37 do Paseo de Alfonso).
As edificacións da Panificadora ocupan unha superficie de 4.260m2 e suman uns 11.328m2 de plantas, os catro volumes principais son estes:
- Edificio principal.
É o máis grande, tanto en superficie ocupada (1.335m2); como en superficie construída (5.075m2). Ocupa a parte central da parcela e ten forma de "L" polo corpo transversal do extremo norte.
As plantas baixas da parte lonxitudinal (60x17m) son da primeira fase construtiva da Panificadora. No semisoto (4,5m de altura) atópanse o despacho de pan, caldeiras, frigoríficos, vestiarios e catro fornos secundarios. Na primeira planta (alt. 5m) está o obradoiro e os tres fornos principais (dous de carbón-gasóleo "W&P", e un eléctrico "Rekena").
A 2ª planta ten unha altura de 4,45m e aloxa: no extremo sur, baixo cuberta de cerchas de madeira con tella plana, a oficina (10x17m) e a sala de xuntas (un engadido de 12x5m, que fai arco sobre a rúa leste, feita no ano 1948); na parte central, nun faiado atravesado pola cheminea, o arquivo (22x17m), e, baixo cuberta plana, a sala de ensacado (20x17m); no extremo norte, extendéndose polo corpo transversal (8x39m), está a sala de mistura e o sistema de transmisión da moenda.
Nesta fase construtiva empregouse formigón armado nos piares internos e placas entre plantas. Os muros exteriores son de perpiaños na primeira planta e o semisoto (en xogo con lousas de esquisto), e de tapiado de tixolo revocado nas plantas superiores nas que o granito queda reservado ás esquinas.
Xa dende a orixe, no extremo norte sobresaía unha 3ª planta (8x39m) cunha sala de 3m de altura, pero as seguidas ampliacións conformaron un "corpo transversal" que chega ata a r/Santiago. Foi no ano 1930 cando se engadiron dúas plantas máis para a moenda; que en 1946 foron ampliadas (xunto coa 2ª e 3ª) cara o leste. A planta 3ª é a dos muíños (e do laboratorio); na 4ª a dos plansichters; e a 5ª dos sasores. O corpo transversal tamén fai arco sobre a rúa leste e chega ata rúa Santiago, onde están os tres silos de acondicionamento do gran. Nestas fases posteriores a pedra restrínxese aos muros da 1ª e 2ª planta; a estrutura principal faise de formigón armado, reservando para as plantas altas materiais e técnicas máis lixeiras, así os muros son de tabique revocado e os sobrados e escaleiras son de madeira. A cuberta é de tella plana a dúas aguas sobre cerchas de formigón.
O edificio principal ten acceso exterior dende ambos extremos da rúa cuberta cara o semisoto, e dende tres puntos dende a rúa leste cara a 1ª planta. Ademais está comunicado co edifico da rúa Falperra e co almacén de fariñas mediante dúas pasarelas enfrontadas que se atopan na sala de ensacado da 2ª planta, e cos silos cun túnel que sae do semisoto, e máis unha pasarela que sae dende a 5ª planta.
Interiormente o edificio principal está comunicado por unhas escaleiras dobres que transcorren dende o semisoto ata a 2ª planta, pola esquina noroeste do edificio; mentres que dende a 2ª planta ata a 5ª, as escaleiras transcorren pegadas á parte central do muro norte. Hai outras escaleiras no extremo sur, que conectan o semisoto coa 1ª planta e as oficinas na 2ª; ademais, tódalas plantas excepto o semisoto están comunicadas por un elevador cunha estrutura metálica adosada ao centro da fachada norte. Na esquina suroeste, hai unha plataforma elevadora dende o semisoto á 1ª planta.
- Edificio da rúa Falperra
Ocupa uns 1.060m2 contando cuns 3.600m2 de plantas. O edificio desenvólvese todo ao longo do fronte da rúa Falperra (121 m), mentres que o ancho vai dos 8,20 aos 10 m. É o edificio máis moderno, construído en dúas fases consecutivas entre 1958 e 1962; ambas fases foron proxectadas por Antonio Román Conde, que lle imprimiu ao edificio un sobrio estilo racionalista.
A 1ª fase é a metade sur do edificio da rúa Falperra (uns 65m de longo). Suporá a renovación duns almacéns e talleres e a construción da conserxería, mentres que as plantas inferiores habilítanse locais comerciais e garaxes de turismos. A casa-oficina do conserxe consta de dúas plantas de 120m2 e 3m de altura (por debaixo hai un soto de 3,5m de alto).
En sensu strictu, a fábrica de pensos ocupa unicamente a 1ª planta da 2ª fase (unha gran sala diáfana con grandes fiestras a ambos lados), e, no centro do edificio, a torre que aloxa os silos metálicos e maquinaria "Philips-Duphar". Esta sala ten un gran chanzo na parte central, de xeito que a liña das cerchas atópase do chan a 5,90m no sector norte e 5m no central. O muro leste ábrese en varios portóns e peiraos cara a rúa cuberta, mentres que dende a torre hai unha estreita pasarela cara a sala de ensacado, na 2ª planta do edificio principal.
Os locais comerciais constan dunha planta baixa e entreplanta de altura variable (máx. 4,80m). Estes locais están soterrados cara o interior da fábrica, mentres que cara a rúa Faleperra ábrense en vans de 3,80m de ancho e altura variable.
Durante a construción desta 2º fase, no ano 1963, engadiuse no extremo norte unha planta para facer unha vivenda. É de 121m2, conta cun balcón cara o exterior, e o seu acceso é independiente á fábrica, faise dende unhas escaleiras que transcorren polo interior do nº 35 do Paseo de Alfonso.
A estrutura do edificio é de formigón armado. Nas cubertas emprégase maioritariamente a tella plana sobre cerchas metálicas ou de formigón pretensado, aínda que na parte dos talleres e almacéns son de fibrocemento ondulado. As fachadas do edificio son de perpiaño de granito. As fiestras están feitas en carpintería de formigón armado nas plantas altas e de metal na baixas.
- Almacén de fariñas (e salvados).
Edificado arredor do ano 1948 segundo proxecto do enxeñeiro Antonio Fernández. Ocupa uns 630m2 (11 x 59m de lonxitude máxima) en dúas plantas; a planta 1ª (4,60m de altura) chega dende o corpo transversal do edificio principal ata a rúa Cachamuiña, mentres que a baixa (5,80 m de altura) interrompese antes, á altura da sala de xuntas para deixar un amplo paso cara os talleres. A superficie de ambas plantas xuntas é duns 1.150m2.
Os muros son de perpiaño de granito, mentres que vigas, placas e cuberta son de formigón armado.
A planta baixa está elevada 50cm sobre o nivel da rúa leste co obxecto de facilitar a carga dos camións mediante dous molles baixo marquesiña. A 1ª planta está comunicada coa sala de ensacado do edificio principal mediante unha pasarela con cinta transportadora, e, ao través dun gran van, cun carro motorizado que vai sobre un carril elevado que transcorre ao longo da nave. Amais na parede norte da 2ª planta, unha xanela comunicaba coa sección de moenda.
O elemento máis singular deste edificio é a cuberta asolagable. Un sistema de regulación térmica que incluía un aspersor xigante, e a condución da choiva dende outras cubertas do complexo, para así soster permanentemente unha capa de 25cm de auga.
- Silos (de almacenamento de gran).
O elemento máis senlleiro da Panificadora. Ocupan uns 270m2, e teñen unha altura duns 25m sobre a praza dos silos, que completados por un miradoiro, elevan a cota máxima da Panificadora ata os 82m sobre a ría de Vigo.
Nunha primeira fase, rematada en 1931, erguéronse catro silos de formigón armado, de 10cm de espesor de paredes, 22m de altura e sección circular de 5,15m de diámetro externo. Sobre estes catro silos situose unha sala de distribución con grandes vidrieiras, e enriba desta un pequeno edículo para aloxar a máquinaría do montacargas de planta triangular que transcorre polo interior deste grupo de silos. A planta superior da sala de distribución, é un miradoiro, con balaustrada de formigón, accesible mediante unha escada de caracol. Na base hai outra sala na que se aloxa a tolva de descarga e os mecanismos para elevar o gran. A sala superior é acesible dende a pasarela elevada que sae da 5º planta do edificio principal, mentres que á baixa os operarios accedian dende un portalón dende a praza dos silos, e mediante un túnel ao semisoto do edificio principal. Ámbalas dúas plantas teñen uns 100 m2.
Na segunda fase, que é do ano 1951, e seguindo o proxecto do enxeñeiro Antonio Fernández, erguéronse outros seis silos coa mesma técnica: o formigón armado por encofrado deslizante. Estes teñen sección ovalada (5,85m de diámetro largo) e tres metros máis de altura. Nesta fase prolóngarose as salas, superior e inferior, da fase anterior dos silos, aínda que ambas son máis estreitas (dando uns 65m2) e co teito máis baixo (uns 1,7 m). O resto da sección dos silos e cuberta por unha placa inclinida de formigón armado.
Amáis, a Panificadora, contaba con:
- Talleres.
- Zona de carga (dos silos).
- Enfermaria (serviu tamén de cantina e vestiario para as repartidoras).
- Vivendas (para empregados).
- Pombal.
Panorámica do sector sur da Panificadora. No centro o edificio principal, á dereita o almacén de fariñas, á esquerda a conserxería e edificio da rúa Falperra. Fotomontaxe de Uxío Reinoso, ano 2019.
Foto do sector noroeste da Panificadora. En primeiro termo o sector norte do ed. da r/ Falperra, coa vivenda para empregados habilitada no 2º piso. Foto Uxío Reinoso, 2012.
Fachada á r/ Santiago, co corpo tranversal do ed. principal, en primeiro termo os silos de acondicionamento. Foto Uxío Reinoso, 2019.
Torre da fábrica de pensos vista dende a r/ Falperra. Foto Uxío Reinoso, 2013.
Dende a praza dos silos, en primeiro termo a enfermería, detras o lado norte do ed. principal. Foto manuelcalavera.org, 2015-2017.
Panorámica da praza de entrada á Panificadora. Á dereita a cuberta da zona da bomba de gasolina. Fotomontaxe de dúas fotos de Foto manuelcalavera.org, 2015-2017.
Planos
Debuxo axonométrico cos elementos do complexo. Colaboración de Entremos na Panificadora e Tankollectif, ano 2013.
Sección lonxitudinal. Escala 1:300. Plano de Tomás Barreiro Vescovo, 2019.
Seccion transversal. Escala 1:300. Plano de Tomás Barreiro Vescovo, 2019.
Estado de
conservación
Estado xeral: malo.
Despois de case 40 anos de abandono o estado do conxunto é "malo", xa que aínda que algúns elementos presentan un aceptable estado de conservación, dous elementos principais (edificio principal, silos) teñen serios danos estruturais que precisan dunha intervención urxente. Como elemento de valoración positiva deben terse en conta o bo numero de maquinaria e elementos accesorios aínda conservados no interior.
- Edificio principal: moi malo.
A zona de arquivo, oficinas e sala de xuntas padeceu dous incendios (un o 24-07-2006, outro o 1-10-2008) que destruíron por completo as cuberta e interiores de madeira. Por baixo deste sector incendiado, na 1ª planta e semisoto, as infiltracións de auga son abondosas; os forxados das vigas oxidaron e abriron, chegándose a dar a partición de unha viga baixo os fornos. No estremo leste da cuberta do corpo transversal abriuse un oco de varios metros. O cumio da cheminea esboroouse, e amplas fendas ábrense por varios puntos. O chan das plantas 4ª e 5ª foi retirado (e disque reutilizado no Pazo Quiñones de León). A carpintería de madeira das xanelas está moi deteriorada, con desprendemento de moitas delas.
A estrutura do corpo transversal presenta bo estado aparente, así como as escaleira de madeira e chanzos de ferro "Barreras" e moitas das maquinas que se conservan neste sector.
- Edificio da rúa Falperra: moi bo.
É o elemento que mellor estado presenta. As cubertas están indemnes e non se aprecia ningunha patoloxía nos demais elementos estruturais. Conserva algunha maquinaria e os silos metálicos dentro da torre. As xanelas de formigón están algo danadas e se teñen perdido algúns vidros.
- Almacén de fariñas: bo.
A placa da cuberta asolagable ten padecido algunhas gretas e infiltracións perdendo episodicamente á súa estanquidade. Non se aprecian maiores danos estruturais. Consérvase en moi bo estado o raíl e guindastres. Perdida case completa das carpinterías de madeira.
- Silos: malo.
Aparentemente o estado do formigón dos silos é preocupante. Especialmente no grupo de 6 silos, no que a oxidación dos forxados ten levantado grandes escunchados. Tamén é delicado o estado do finísimo formigón da pasarela e o miradoiro. Non se aprecian filtracións de auga dentro dos silos e consérvanse moitos elementos accesorios de madeira e metal.
- Talleres: ruína.
A cuberta e boa parte das súas cerchas colapsaron nos últimos anos. O espazo esta cheo de e entullos e vexetación, baixo os que quizais se conserve algunha maquinaria.
- Zona de carga: moi malo.
Teñen caído as cubertas e algunhas vigas do sector dos 6 silos novos. A cuberta de formigón ten escunchados pola oxidación dos forxados. A casetas auxiliares perderon as cubertas e algúns dos seus muros.
- Enfermaría: bo.
Apenas se aprecia a destrución de interiores e certas perdas das carpinterías.
- Vivendas: moi malo
A maioría están en estado de ruína, excepto o nº 34, que continúa habitado.
- Pombal: vestixio.
Foi parcialmente demolido durante as obras do nº 24 da r/ Santiago.
(Avaliación redactada en outono do 2019)
Nota: as autoridades competentes non teñen dado respota á petición de Vigo Industrial para acceder con garantías ao inmoble. Esta valoración faise en base a inspeccións e documentacións feitas en anos pasados.
Última actualización da ficha: 18-VIII-2022.
Cívica
Visita
Só exteriormente
Uso actual
Baldío
Según ás últimas noticias da prensa, a propiedade está repartida entre tres titulares: Promociones Montelouro SA (nun 60%), a CVPSA (30%) e o SAREB (10%).
Propiedade
Proteccion
histórico-cultural
- A Panificadora non foi por agora incluida no Catálogo de Bens Culturais de Galicia, como elemento independente, tan só como parte da "Zona de Respeto" no BIC Casco Vello de Vigo.
- No PEPRI do 2006 (en vigor), a Panificadora non ten ficha no catálogo de elementos a conservar. Permitíndose a nova edificación según o disposto no "Convenio"; neste convenio que permite as demolicións e edificicións no resto de parcelas, determinase a conservación dos silos e a súa cesión ao Concello (xunto cun anaco de parcela colindante).
- A "Modificación Puntual do PEPRI do Casco Vello de Vigo, zona Panificadora" (anulada por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 4-III-2022), cataloga partes do complexo da Panificador como un conxunto co nivel protección "ambiental", estipulando diferentes detalles de conservación según a "Proposta Gañadora do Concurso de Ideas", que sintetizamos aquí:
* Edificio Principal: conservación parcial; eliminación das ampliacións da 2ª planta (salas de ensacado e sala de xuntas) e da 3ª (laboratorio e anello sección moenda); reconstrucción da cheminea.
* Edificio da rúa Falperra: conservación parcial; estipulase a demolición da conserxería; promoverase a conservación do "dosificador de mezclas".
* Almacén de fariñas: conservación integral; excepto pasalera coa sala de ensacado, que dependera do seu estado de conservación; promoverase a conservación parcial do "maquinillo" e raíl para o transporte de sacos
* Silos: conservación integral; excepto pasalera, que dependera do seu estado de conservación, que poderá ser substituida.
* Talleres: excluídos da ficha; demolición.
* Zona de carga: excluída da ficha; demolición.
* Vivendas para empregados: excluídas da ficha; demolición.
* Efermería: excluída da ficha; demolición.
* Pombal: excluído da ficha; non se rehabilita.
* Portalón, cuberta e feche da rúa Cachamuiña: excluídos da ficha; demolición; non hai referencia ao letreiro nin a bomba de gasolina.
* Cuberta da rúa oeste: demolición.
Afectación
urbanística
- A Panificadora está incluida no PEPRI do Casco Vello de Vigo (aprobado definitivamente o 12-04-2007), e suxeita ao "Convenio Panificadora".
- A "Modificación Puntual do PEPRI do Casco Vello de Vigo, zona Panificadora" (aprobada inicialmente o 2-08-2018) foi anulada por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 4-III-2022.
- Proxecto municipal actual:
En outubro de 2016, o Concello de Vigo iniciou mediante un "Concurso de ideas, con intervención de xurado, para a ordenación urbanística da área da Panificadora do PEPRI do Casco Vello", un proxecto de rehabilitación e reutilización con usos institucionais, sociais e culturais, que incluía o desenvolvemento dun nova ordenación urbanística.
En marzo do 2017, o concurso foi fallado en favor dos polos arquitectos Jorge Salgado Cortizas e Celso López Martín.
En agosto do 2018 é aprobada inicialmente a "M. P. do PEPRI do Casco Vello de Vigo, zona Panificadora" , pero que é anulada por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 4-III-2022
Paralelamente o Concello de Vigo e Zona Franca teñen acordado (pero ainda non asinado), un convenio para a financiación e xestión conxunta da nova Panificadora.
Proxectos de
reutilización
Coñecer máis
* Panadería El Aguila.
* Industrias trasnformadoras de peixe.
- Pescanova Chapela.
- Pescanova Beiramar.
* Fábricas deseñadas polo arquitecto Manuel Gómez Román.
- Conservas Alfageme Bouzas.
- Cervexería A Barxa.
* Barreras (fundición)
Patrimonio
relacionado
- Entrevista a Enrique Fontán, panadeiro da Panificadora nos anos 30 e 40, feita por Entremos na Panificadora. t1
- Entrevista a Manuel Penas, panadeiro da Panificadora nos anos 1966-68, feita por Entremos na Panificadora. t2
- Mini entrevista a Benito Gradín Alonso, chófer da Panificadora, no "El Pueblo Gallego" do 16 de febreiro do 1954. t3
Testemuñas
Bibliografía
e notas
Bibliografía
* 1: FACAL RODRÍGUEZ, Mª JESÚS. "Antonio Valcarce García", en Empresarios de Galicia (Carmona Badía, Xan; Coord.). A Coruña: CIEF. 2006.
* 2: GARRIDO RODRÍGUEZ, XAIME e IGLESIAS VEIGA, XOSÉ Mª. X. Manuel Gómez Román. Mestre de arquitectura galeguista. Vigo: Ed. Xerais de Galicia. 1995.
* 3: PÉREZ FERNÁNDEZ, FRANCISCO. Arquitectura Industrial en Vigo. Orígenes, evolución y estado actual (usos y perspectivas de futuro). Vigo: ed. Instituto de Estudios Vigueses. 2016.
* 4: CORRIOMERO SALINERO, FLORENCIA e SAMPEDRO TALABÁN, Mª ÁNGELES. El Polvorín, 1939-1989. Peñaranda de Bracamonte. Peñaranda de Bracamonte: Ed. Bracamonte. 1999.
* 5: GIRÁLDEZ LOMBA, ANTONIO. Recordando los tranvías de Vigo. Pontevedra: ed. Deputación Provincial de Pontevedra. 2006.
* 6: REINOSO MASET, UXÍO. Dossier: Panificadora de Vigo. Vigo: editan, Entremos na Panificadora e Tankollectif. 2013.
* SALGADO & LÓPEZ (estudo de arquitectura). "Memoria" da M. P. do PEPRI do Casco Vello de Vigo, zona Panificadora. Vigo: Concello de Vigo, 2018.
* VV.AA. A Panificadora. Patrimonio arquitectónico Industrial. Vigo (Informe para a Declaración de Ben de Interese Cultural de Galicia). Inédita, dispoñible no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, delegación de Vigo. 1995.
* PARAJÓ CALVO, Mª ELENA e VERGARA MISOL, YOLANDA. Puesta en Valor del Patrimonio Industrial de Vigo: Panificadora. Master en restauración arquitectónica ETSAC. Tese inédita, dispoñible no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, delegación de Vigo. 2001.
* AGRASAR QUIROGA, FERNANDO (dir.). "Panificadora", en Guía de arquitectura de Vigo, 1930-2000. Vigo: Ed. COAG, delegación de Vigo. 2003.
* GARCÍA BRAÑA, CELESTINO; LANDROVE, SUSANA e TOSTôES (dir.)."La Panificadora", en La arquitectura de la Industria 1925-1965. Registro Docomomo Ibérico. Barcelona: ed. Docomomo. 2004.
* SOBRINO FAGILDE, IRIA e CALVIÑO IGLESIAS, RAI. Informe preliminar de orientación programática para la edición de un indice técnico de acciones a modo de guía estratégica para la intervención en el ámbito ocupado por la Compañía de Panificación de Vigo. Outro Vigo é Posible”. Vigo: Noncommon. 2012.
* Ficha 108 do "Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca" de BEREA, EDUARDO e GARCÍA MOVILLA, C. Ed. MOPU. Ano 1993.
* Ficha 114 do "Proyecto COAG/VIGO: patrimonio arquitectónico moderno y contemporáneo en Galicia ‘Arquitectura industrial en Vigo" de SOBRINO FAGILDE, IRIA e CALVIÑO IGLESIAS, RAI . Vigo: ed. COAG Vigo. Ano 2008.
* Ficha 116 do Inventario da "Asociación Galega do Patrimonio Industrial Buxa" www.asociacionbuxa.com. Consultado o 25-X-2019.
Artigos prensa
* MÉNDEZ FERRÍN, XOSÉ LUIS. "Panificadora", no "Faro de Vigo", do 1-4-2009.
*ROLLAND, EDUARDO. "La Panificadora es bella", en "La Voz de Galicia", do 20-11-2008.
Arquivo Municipal de Vigo
* d1: "Instancia de Antonio Valcarce García..., solicitando establecer kiosko en la rotonda que forman la c/ Abelenda Menéndez con la de Elduayen. 1 Febrero de 1921". Carpeta Urb/181. (Só planos)
* "Expediente 24 do 1921. CVPSA". Carpeta Ind/8.
* d2: "Expte. 41 do 1929. Julian Herrero Bermejo Administrador da CVPSA; Construir Silos para...". Carpeta Ind/11.
* d3: "Expte. 222/118 do 1946. CVPSA". Carpeta Urb/365.
* d4: "Expte. 339/114 do 1948. CVPSA". Carpeta Urb/406.
* d5: "Expte. 652/F.205 do 1951. Estudios Montajes Industriales". Carpeta Urb/460-I.
* d6: "Expte. 937/Fol. 71 do 1959. CVPSA".
* d7: "Expte. 684/98 do 1962. CVPSA". Carpeta Urb/625.
Videos documentais
* “A cidade perdida”. Romero, Miguel A. (dir. e prod.). 2006.
* “Panificadora”. Rodríguez, Borja (prod.) e “Do Roxo”, Miriam (dir.). 2009.
* "La panificadora de Vigo, (Pontevedra) Abandonos". Manuel Calavera. 2017.
* "URBEX, volvemos a la PANIFICADORA". Manuel Calavera. 2014.
* "Ruinas y gatos". VV.AA. Sen datar (aprox. 2015).
* "Panificadora Vigo". Outro Vigo é Posible. Sen datar.
- Ao "Museo de la Industria Harinera de Castilla y León" de Gordoncillo, pola atención e explicación detallada das maquinarias e técnicas da moenda.
- A Mª Jesús Facal Rodríguez polas súas diversas colaboracións con Entremos na Panificadora e Vigo Industrial.
- A Manuel Calavera pola cesión das fotos do interior da Panificadora.
- A Tomas Barreiro Vescovo pola elaboración dos planos detallados cos elementos internos da Panificadora.
- Ao "Arquivo Pacheco" pola cesión das fotografías antigas.
- A Miriam Rodríguez, María Masaguer, Iria "a ría", Alex F. Palicio, e demais colaboradores/as de Entremos na Panificadora e Tankollectif por enriquecer o "corpus documental" de Entremos na Panificadora, agora legado a Vigo Industrial.
Agradecementos