top of page
Ficha 006

CONSERVAS SUEIRO

Tipo

Salga e conserveira

Sector

Pesca

Uso actual

Vivenda

Concello

Soutomaior

Parroquia

Arcade

Lugar

Peirao

Enderezo

R/ Peirao, 19

Coord.

N 42º20'23'' O 8º36'44''GPS: 42.3399, -8.6124

Historia

Fundación

1945

Feche

1978

Fundador

Ramón González Sueiro

Reseña

Cando Ramón González Sueiro (nado en 1885 no lugar da Barca, concello de Pantón) chegou por primeira vez a Arcade, no outono de 1940, para comerciar durante catro meses con peixe e mariscos, acumulaba xa unha dilata experiencia de comerciante e pequeno industrial. Con tan só dezasete anos, xunto coa súa esposa Consuelo Rodríguez Mosquera, montou unha casa con tenda e hospedaxe á beira da estación de ferrocarril de San Pedro de Canaval (Sober). Tras un breve periplo americano, o casal retornou a Canaval en 1914, iniciando múltiples negocios: un serradoiro, unha carpintería e tonelería, unha panadería mecanizada, unha fábrica de lixivia, unha de galletas e caramelos, e por último, unha de gasosas e refrescos. Durante a Guerra Civil, Ramón González Sueiro levará coa súa camioneta diferentes mercadorías ao fronte de Asturias *1 e 2.

Aquela primeira experiencia do ano 1940 co peixe e marisco en Arcade debeu ser ben proveitosa, Ramón repite nas seguintes tempadas. En 1943 monta un posto no Mercado Central de Madrid como "Asentador de pescado y marisco" (que mantén ata 1951). En 1944 comeza a mercar e unir terreos entre a beira do mar e a estación de ferrocarril de Arcade, para seguidamente comezar a erixir unha casa para a súa residencia. cun amplo baixo e anellos para usos produtivos.

Para supera-la estacionalidade derivada da veda do marisqueo, Ramón solicita concesións de distintos viveiros: en 1945 obtén a súa primeira concesión de 300 m2 en Punta Sobreiro, en Soutoxuste, que despois ampliara cara Punta Rotiveiro ata os 500 m2; en 1957 obtén outra concesión de viveiro de 400 m2 na area do porto de Arcade. 

Pola mesma, para superar por completo a estacionalidade do produto marisqueiro, decide facerse conserveiro, e comeza a adquirir os equipos e maquinaria precisos (de segunda man principalmente). Dada a intervención estatal no mercado de materias primas esenciais (como o aceite e folla de lata, que eran de "cupo"), e a presión dos conserveiros xa asentados, a Ramón foille moi difícil obter a licenza gobernamental para iniciar a actividade conserveira legalmente.

A que si obtivo en 1946, foi a licenza para a salga de peixe e envasado de ameixa ao natural en tarros de cristal. Na solicitude perante a Delegación Provincial de Industria, Ramón González Sueiro indica que ten un capital social de 46.000 pesetas e un horizonte produtivo de 180 tn de salga de peixe e 156 tn de ameixa; para semellante produción contaría cun cadro de persoal composto por cinco homes e quince mulleres, unha caldeira de vapor de 15 cv, dous autoclaves, unha cerradora de vidro, vinte pías de salgar, seis prensas así como moitas ferramentas varias.

En 1948, a Fiscalía Provincial de Tasas investiga a Ramón G. Sueiro por elaboración ilegal de conservas en aceite.

No ano 1953, nunha carta ao Xefe da Delegación de Industria, Sueiro suplica que aínda que non se lle conceda "cupo" de aceite e folla de lata, se lle dea permiso para elaborar "conservas de marisco e pescado, utilizando envase de madeira e vidro" xa que ten a maquinaria precisa para facelo. A que si prosperou en 1954 foi a solicitude de concesión de tres bateas para o engorde de mexillón no estreito de Rande. 

Tamén en 1954 obtén unha primeira autorización para, aproveitando os refugallos das industrias metalográficas de Vigo, fabricar conservas en lata. En 1956, o seu xenro, Ovidio Soto Conde, solicita sen éxito unha concesión para ter un "viveiro flotante experimental para o cultivo de ostra". Finalmente en 1957 obtén licenza de cupo para a folla de lata que adquirirá a "La Artística" de Vigo. 

Esta ansiada licenza chegou ao final da vida profesional de Ramón G. Sueiro. Aínda que "Conservas Sueiro" xa era unha empresa consolidada, chegando a empregar ata a 50-60 persoas *3, ningún dos seus tres fillos varóns (que si mantiveron os negocios familiares en Lugo), quixeron facerse cargo da conserveira. En 1961 (cando Ramón xa ten 76 anos) aluga a fábrica de Arcade a Jaime Díaz Montenegro por seis anos; pero, por incumprimento do contrato polo arrendatario, acaba cancelando o contrato anticipadamente en 1964. Deste xeito, Ramón G. Sueiro volve a dirixir a conserveira durante un tempo, ata que en maio de 1965 atopa un novo arrendatario na sociedade formada por José Rodríguez e Berta Pascual, que viñan de estar arrendando a instalación de Manuel Otero Lago en Vilavella, Redondela.

Ramón G. Sueiro morre en 1969, e é a súa filla Leonor é a que herda a casa-factoría de Arcade. Trala marcha de "Rodríguez, Pascual & Cía." en 1974 (cando se mudan a súa actual localización no porto de Cesantes), Leonor e Ovidio atopan un nova arrendatario en Alipio Santiago Ferro, que baixo a denominación "Conservas Sampemar", emprega as instalacións como cocedoiro de marisco subcontratado por conserveiras de Vigo e Arousa. 

A quebra de Alipio en 1978 significou o fin da actividade industrial na pequena conserveira de Arcade; tamén nese mesmo ano caducaron as concesións das bateas. Non obstante os herdeiros de Ramón González Sueiro seguen habitando nela, conservando a memoria e boa parte da materialidade das diferentes actividades e épocas desta singular pequena conserveira galega. 

Procesos

e

produtos

A primeira actividade de Ramón G. Sueiro, a trata de peixe, e sobre todo, de marisco fresco, baseouse nas facilidades que lle provía o enclave do Porto de Arcade, onde, por unha banda, era costume de antigo vender o marisco dos excelentes bancos da Enseada de San Simón, e por outra, tiña a practicidade de estar moi preto da estación de ferrocarril e da estrada N-550 para expedila axilmente aos mercados. Non obstante, dende mediados do século XX, a ostra foi esquilmada na Enseada de San Simón, e Sueiro houbo de recorrer as que lle traían por barco dende Bueu, e por estrada dende Cambados.

Ramón G. Sueiro, gracias as súas actividades anteriores, contaba cunha rede comercial e medios propios para a distribución. Amais a "Ostra de Arcade", que de sempre foi unha "marca" con sona no mercado nacional, debeulle abrir moitas portas e debeu facilitarlle conseguir novos clientes para todos os seus produtos, principalmente en cidades como Madrid, Barcelona, Bilbao e Zaragoza *3.

Para o subministro de mexillón, dende 1954, Ramón G. Sueiro contou con tres bateas propia. A primeira producía 12 tn/ano (encargada no estaleiro de Acuña, en S. Adrián de Cobres), e outras dúas 20 tn/ano. O peixe principal, no caso da salga e conserva hermética, era sobre todo de sardiña, aínda que tamén recorríase a bocarte, chinchos, xurelos e xardas. Estas especies eran adquiridas no porto de Arcade, e dende 1961 no mar, xa que foi autorizada a súa compra "a flote". Para ambas actividades, mercala sardiña e ir as bateas, Conservas Sueiro contaba cunha embarcación de 10 metros chamada "Primavera" e un peirao de rampla para desembarcar directamente á súa propiedade.

O procesamento da mercancía en fresco era ben sinxela. Aínda vivas, as ostras, ameixas, navallas, croques,...,eran clasificadas manualmente polas empregadas en grande mesas de traballo segundo calidades e tamaños. Seguidamente embalábanse en caixas de madeira con cinchas metálicas e inmediatamente eran expedidas.

O primeiro traballo da salga o facían as mulleres na mesa de traballo, onde limpaban, evisceraban e abrían a metade os peixes antes de botalos nos píos con salmodia (auga de mar saturada con sal), onde ficaba durante unha ou dúas semanas. Pasado ese tempo, o pescado era escorrido, engadíaselle máis sal e era coidadosamente empillados nuns barrís de madeira, chamados tabales, para pasar a ser prensados *2 e 4.

Para o prensado Ramón G. Sueiro ideou un sistema orixinal e único: en lugar das prensas tradicionais de trabe e lastre, que ocupan moito espazo; o lugués adaptou prensas de viño de parafuso para comprimir as sardiñas nos tabales.

O proceso máis complexo era a conserva hermética; aínda que pequena en volume, "Conservas Sueiro" tiña unha gran variedade de preparacións: marisco e polbo cocido "ao natural"; sardiñas, bocarte (anchoa), bonito,... en aceite; mexillóns, ameixas e outras especies en escabeche; croques en tomate,... *3

No caso da sardiña e peixes similares en aceite: De primeiras, as traballadoras, amais de abrir e eviscerar, tiñan que descabezar (escochar), e incluso nalgunhas especies, filetear. Unha vez limpas, as pezas eran salpresadas e colocadas en grellas, que eran así mesmo estibadas nun carro que era introducido no autoclave para un primeiro cociñado. No caso das sardiñas ao "estilo Nantes", despois do autoclave a sardiña pasaba por unha fritura.

Unha vez cociñadas as pezas eran colocadas nas latas, e despois, estas latas eran empilladas nunhas mesas específicas (cubertas de chapa de zinc, para recolle-lo líquido sobrante), engadíaselle o aceite (ou mollo, segundo o caso). 

Da preparación dos mollos ocupábanse tamén as mulleres, mentres ca alimentación da caldeira e outras labores auxiliares o facía o encargado coa axuda dalgún outro home. Os mollos facíase nas "pailas", unha especie de perolas semiesféricas, que se quecían mediante un circuíto de vapor que proviña da caldeira central (tamén tiñan unha paila a lume). O mollo principal era o escabeche de aceite, cebola, allo, pementón, pirixel e loureiro. O pementón viña de Murcia, e o aceite, cun sistema de barrís retornables, en barco dende Andalucía.

Unha vez fechadas nas sertidoras, as latas eran empilladas en cestas e un carro específico, e volvían pasar polo autoclave, para, con calor e presión, provoca-lo seu feche hermético. Aínda que tamén se producían latas pequenas, de 1/4 kg, a maior parte da produción de Conservas Sueiro eran grandes latóns de 1, 1.6 e 2 kg. 

Maquinaria

conservada

Materalia

Arquitectura

Superficie parcela

3.410 m2

Sup. ocupación

630 m2

Descritiva

Para a construción da súa fábrica, Ramón G. Sueiro mercou e uniu varias parcelas agrícolas. O resultado foi unha gran parcela de máis de 3.000 m2 , con forma de trapecio alongado no sentido L-O e que ten unha pequena pendente cara o mar. A amplitude máxima da propiedade é duns 120 x 30 m. O límite cara o oeste era un muro de contención sobre a beira do mar, ata que en 1988 fíxose o recheo do porto. O resto da parcela foi perimetrada cun muro de fechamento: o lado norte daba ao camiño (agora rúa) que levaba ao peirao; o sur, a parcelas agrícolas (aínda agora sen urbanizar); mentres que o extremo Leste da a un camiño que corría entre os campos e as factorías de "Ferrerías de Arcade" e "Carburos Laforet" e chega ata a estación de ff.cc. Toda a contorna, menos o lado sur, foi moi alterado nas últimas décadas polo recheo do porto de Arcade e a urbanización de bloques de vivendas.

Historicamente a casa-factoría contaba con tres accesos. Na esquina nor-ocidental está a entrada principal, a que da a Rúa do Peirao. Na esquina oposta, houbo en tempos unha entrada traseira, que, mediante un camiño polo interior da propiedade, permitía a carga e descarga de camións directamente ás naves e almacén da conserveira. No 1947 constrúese un peirao de rampla, mediante o cal se desembarcaba a materia prima directamente ao patio de entrada. 

As construcións da casa-factoría concéntranse na metade oeste da propiedade; mentres que na metade leste, era o espazo para o xardín da casa, o camiño interior, tres pozos e un depósito elevado de auga (que foi demolido recentemente).

Entre as construcións conservadas, pódense diferenciar os seguintes volumes:

- O edificio principal. En orixe consistía nunha casa de dous pisos de dúas plantas duns 16x12 m: a planta baixa adicada a labores produtivas, e a primeira, a vivenda. Este edificio, rematado en 1945, foi proxectado polo arquitecto Alfredo Vila López. As fachadas son perpiaños de granito, en fiadas de 40 e 50 cm e de lonxitudes variables; as dúas primeiras fiadas son uns centímetros mais grosas, sobresaíndo un tímido zócolo. Sen revestimento nin detalles decorativos algúns nos lenzos de granito apiconado; sendo as fiestras e portas discretas aberturas entre os perpiaños; o aspecto xeral é sobrio e de gran solidez. A fachada oeste distínguese como a principal pola súa orientación cara o mar e o patio de entrada, e pola existencia dunha escaleira exterior (de fábrica de ladrillo e formigón) que, mediante unha pequena terraza, da acceso a primeira planta da vivenda e ao despacho situado sobre o "anello". A cuberta orixinal era de tella do país a tres augas, cun pinche na fachada sur. A planta baixa, a produtiva, ten unha altura considerable, uns 3,5 m; no centro do edificio, un único piar e viga transversal de formigón armado sustentaban o sobrado de madeira do piso superior. Esta planta baixa albergou a zona "limpa" da conserveira, coas prensas da salga, as sertidoras e as mesas de empaque das latas. Este baixo ten unha porta para o persoal no lado oeste, cara o patio, mentres que, na esquina oposta había un portalón para vehículos, que coa adición das "naves", converteuse nun arco de tránsito entre ambos espazos da factoría.

- O anello, estendese entre o "edificio principal" e o muro da beiramar, facendo de lindeiro sur coa parcela dunha antiga carpintería de ribeira agora inactiva. É un edificio alongado, duns 14 x 5 m, dúas plantas. Os muros exteriores son de perpiaño de granito, mentres a parede que da ao patio e os paramentos interiores son de ladrillo revocado con formigón. Na planta baixa había 12 pías de salgar, unhas balsas para gardalo escochado e tamén un almacén para a sal. Na planta alta, recentemente demolida, tiña Ramón G. Sueiro a súa oficina amais de espazo para gardar algunhas ferramentas e outros obxectos.

- As naves. Apegadas pouco despois do remate do "edificio principal". Son tres naves de 14 metros de fondo e distintas anchuras. Os paramentos e os piares interiores foron feitos en ladrillo, e estaban lousadas ata unha altura duns 1,60 m. A cuberta das naves era de madeira e tella do país. 

A nave máis grande é a norte, de 7 metros de ancho, sobresaíndo uns 4 m sobre a liña da fachada norte do "edificio principal", onde se abre un portalón cara o patio. Era esta nave o espazo onde se descargaba e dispuña a materia prima; amais, na esquina nor-oriental estaba a caldeira, de onde saia un circuíto de calor que percorría as tres naves para alimentar os autoclaves, as pailas e as balsinas de cociñado. A cuberta desta nave é a unha auga, verquida cara o interior.

A nave central ten 4,5 m de ancho e cuberta a dúas augas. Ao longo da parede leste había varias pailas, e no centro unha mesa de traballo; no lado leste abríase un portalón (cegado pola erección do almacén), mentres que no lado oposto mantívose a porta cara o baixo do "edificio principal".  A nave sur é de 6 m de ancho e ten unha cuberta a unha auga cara o interior; na esquina sud-oriental ábrese un portalón cara o camiño interior, e do lado oposto , outro cara o baixo do "edificio principal"; boa parte da parede sur está ocupada por 7 pías de salmoira cun depósito de auga incorporado; o centro desta nave era ocupada por unha inmensa mesa para salgalo peixe.

- O almacén. Erixido nos últimos tempos da conserveira para almacenalas mercadorías. Ten unha dimensións de 13 x 9 m; no lado norte segue a liña das "naves", mentres que a fachada sur esta recuada uns 4 metros e nela ábrese un portalón cara o camiño interior. En orixe era de cuberta de chapa ondulada a dúas augas. 

Planos

Estado de

conservación

Estado xeral: bo.

A maior parte dos elementos construtivos consérvanse en moi bo estado e están sendo obxecto de mantemento por parte dos herdeiros de Ramón G. Sueiro, que aínda habitan a antiga casa-factoría, e adican boa parte do espazo do baixo do edificio principal e as naves como depósito de conservación da maquinaria e outros obxectos de "Conservas Sueiro"Unicamente cabe sinalar algunhas desaparicións e transformacións de elementos secundarios.

Desapareceu unha pequena caseta, no lado norte do patio de entrada, que se emprega como vestiario e comer do persoal. A segunda planta do anello tamén desapareceu, así como o depósito de auga elevado que había na parte leste da parcela. Por outra banda, o recheo fixo desaparecer a rampla que baixaba ao mar dende o lindeiro oeste.

Entre as alteracións, a máis significativa é a reforma do "edificio principal", na que se engadiu unha planta baixo cuberta, transformado a cuberta de 3 a 4 augas; no baixo fixéronse varias divisións e habilitouse unha escaleira interior para usos habitacionais; as carpinterías de fiestras e portas foron renovadas. Por outra banda, nas "naves" central e norte cambiáronse as cubertas orixinais de estrutura de madeira por unhas metálicas, fixéronse algunhas paredes de separación entre as naves, e revocouse por riba da maior parte do lousado das paredes; a cheminea férrica que había na esquina nor-oriental, sobre a caldeira, apodreceu e foi retirada. A nave sur si que mantén a cuberta e paramentos orixinais. O exterior da planta baixa do "anello" tamén se conserva no estado orixinal, incluso coas carpinterías de madeira dos anos 50.

Mención aparte merecen a maquinaria, equipos, documentos e outros obxectos coidadosamente conservados, e nalgúns casos restaurados e en estado de funcionamento; entre os que destacan unha caldeira de vapor en bo estado, un gran autoclave en moi bo estado, así como 4 maquinas sertidoras de diferentes épocas, unha trituradora e unha rebordadora de lata restauradas, 5 pailas , unha carreira en excelente estado de conservación, mesas de traballo, balsinas, ferramenta de todo tipo, ...  un pequeno gran museo que merecía estar a disposición pública.

(avaliado en inverno de 2018)

Cívica

Visitable

Programada

Uso actual

Residencial

Herdeiros de Ramón González Sueiro

Propiedade

Proteccion histórico-cultural

Ningunha

Afectación 

urbanística

- A totalidade da parcela é "Solo Urbano Non Consolidado". Incluída na "AR-A-5, Peirao 2" (ver plano).

- Está planeado abrir unha rúa, que derribando as naves, crearía dúas couzadas : 

- A metade oeste da parcela, incluida o "edificio principal", son calificado como "Equipamento Público".

- A metade leste é calificada como "Edificación intensiva de vivenda plurifamiliar en quinteiro ou ringleira.

Proxectos de reutilización

Non se coñecen

Coñecer máis 

* Industrias subministradoras de Conservas Sueiro:

La Artística (Coia).

Talleres Alonarti (Coia).

- Cordelerias M.A.R. (desparecida en 2019, Vigo).

Estaleiro de Acuña (San Adrián de Cobres).

- Virutadoras del Noroeste (San Adrián de Cobres).

* Empresa relacionada:

Conservas JOB / Rodríguez, Pascual & Cía (Cesantes).

Patrimonio

relacionado

Entrevistas persoais de Uxío Reinoso Maset con Xósé Ramón Oviodio Soto González, neto de Ramón González Sueiro, no inverno 2017-2018 (sen documentar). 1 

Testemuñas

Bibliografía

*1: LARA COIRA, MANUEL. Pegadas da industrialización en Galicia; A Enseada de San Simón. Ed: Ézaro e Buxa. 2016.

*2: ROMÁN LOSADA, ALBERTE. Sal, Sardiñas e Peiraos; Achega ao patrimonio marítimo na Ensenada de San Simón. Ed: Asociación Cultural Alén Nós. 2009. 3

*3: GARCÍA, TONI. "Construccións marítimas da nosa primeira industrialización. Da salga á conserva";  en "Ardentía; Revista Galega da Cultura Marítima e Fluvial", nº3, páx 35. 2006.

Ficha 266 do Inventario da "Asociación Galega do Patrimonio Industrial Buxa"  www.asociacionbuxa.com. Consultado o 15-I-2018.

* Ficha 66 do "Invetario de recursos turísticos da Enseada de San Simón". Feito por "A Citania" para o proxecto "MARISMA" do Concello de Redondela. 2010. 

A Xósé Ramón Ovidio Soto González por aportar informacións e documentos para realizar esta ficha, e tamén por conservar e amosar o patrimonio de Conservas Sueiro.

Agradecementos

Última actualización da ficha: 22-VII-2021.

bottom of page