top of page
Ficha 014

CENIR / Cerámicas de Nigrán

Tipo

Fábrica de ladrillos

Sector

Cerámica

Uso actual

Cámping

Concello

Nigrán

Parroquia

Nigrán

Lugar

As Telleiras

Enderezo

r/ Canido 7

Coord.

N 42º08'16'' O 8º48'32'' GPS: 42.1378, -8.8089

non procede

Historia

Fundación

1941 ?

Feche

1972

Fundador

Irmáns Álvarez-Blázquez ?

Reseña

A tradición cerámica de Nigrán.

A fábrica e barreiros principais de CENIR están nunha ampla zona baixa de solos arxilosos, coñecida coma A Telleira (tamén dito en plural), da que dende antigo hai noticias de extracción de arxila e fabricación de tellas, e no que tamén atopamos outros nomes cerámicos como, Barral, Barreiro/a e Fornos.

Amais desta toponimia, temos tamén outras evidencias da importancia da industria cerámica en Nigrán ao longo dos tempos:

- Unha recente escavación nunha parcela do xacemento romano de Panxón, na praia da Madorra, ten descuberto restos dun alfar romano, que semella dunha dimensión considerable a nivel rexional. *1

- No catastro de Ensenada da freguesía de San Fiz de Nigrán, aparecen "Dos hornos de cocer teja, el uno al sitio do Calbario, propio de la Cofradía de las Ánimas (...) y el otro, al sitio de la Iglesia, dicen propio de don Antonio Carlos de Castro, (...) y además de dichos hornos de teja hay otro al sitio da Tejera y campo da Benposta, propio de Don Mathias Suarez de Brito, vecino de la expresada feligresía de San Phelix de Nigrán el cual se halla arruinado hay años...". 

- A uns 200 m ao oeste da ubicación da cheminea, semisoterrados nun talude da rúa Canido, quedan o resto de varios fornos con paredes de ladrillo de feitura antiga.

- Nun artigo de 1910, fálase "das mulleres de Baredo dobregadas coa carga da leña, combustible para as telleiras de Nigrán" coma un arquetipo do Val Miñor.

A fabricación de elementos de cerámica para a construción é unha industria moi básica e antiga, que ten evocionado dun xeito moi gradual ao longo dos séculos. Así, na Galicia da época da CENIR é moi difícil definir unha fronteira nítida entre as "telleiras" tradicionais e as modernas "fábricas de ladrillos"; sendo moitos os casos nos que a unha telleira tradicional vanse incorporando gradualmente pequenas melloras (muíños, amasadoras e extrusadoras mecánicas, camións, secadoiros con calor artificial, fornos de cocción continua....) ata acadar o mesmo nivel que unha "fábrica de ladrillos" de nova planta. *2

A fundación de Cerámicas de Nigrán S.A.

Quizais poderiamos fixar a fronteira entre o tradicional e moderno no sector da cerámica da construción no emprego do forno continuo. E aínda que non temos unha data e datos precisos, semella que este salto tecnolóxico aconteceu nas telleiras de Nigrán na década de 1940.

- Cara o ano 1941, e segundo a memoria da familia Álvarez-Blázquez, cos poucos cartos aforrados por Xosé Mª Álvarez Blázquez no seu desterro en Zamora, xunto con parte do diñeiro da venda da casa familiar de Tui e prestamos bancarios, o conxunto dos irmáns fíxose coa propiedade e explotación directa dunha "fábrica de cerámica e tellas do lugar da Barreira";  que sería dirixida por Xosé Mª coa axuda de Alfonso.

Ao parecer o negocio ía ben, ata que no ano 1945 "A neglixencia dun enxeñeiro (que presentara unha titulación falsa) descoñecedor do oficio, por mor dun exceso de carga de caolín de gran pureza que se extraía nun principio da praia de Lourido e despois no citado lugar da Barreira, provoca o estoupido dun novo forno no que investiran un importante capital".

Neste relato atopamos un indicio de que quizais os irmáns Álvarez-Blázquez instalaron un novo forno de alta temperatura para a cocción de caolín, alimentado, non por leña como os tradicionais, senón por un combustible moderno (quizais gas, o que explicaría a "explosión"). Tralo estoupido do forno, a familia Álvarez-Blázquez decide vendela propiedade da fábrica. *3 e 4

- Por outra banda, sabemos que nesas mesmas datas, a Suárez Eire Compañía Limitada de Vigo adquire en sucesivas compras un gran número de parcelas no lugar de Fornos, tanto ao sur coma ao norte da estrada de Telleiras a Canido , así como na Barreira de Ceán, e nos campos de Canido, para adicalos "á extracción de caolín e barro branco". Entre estas moitas parcelas, no ano 1947, a Suárez Eire adquírelle unha de 248 m2  no lugar de Fornos a Xosé Mª Álvarez Blázquez. *5

- Nese mesmo ano 1947, a Suárez Eire, mediante o seu "socio-xerente" Leovigilo E. Blanco, presenta proxecto, para (sobre unha antiga instalación) erixir unha moderna fábrica de ladrillos baixo o nome de Cerámicas de Nigrán Reunidas/CENIR. Non temos certeza de se esa fábrica reformada pola Suárez Eire no 1947 foi a explotada polos Álvarez Blázquez entre 1941 e 1945, ou outra distinta. *6

A diferenza do que acontece cos Álvarez-Blázquez, detrás da Suárez Eire hai unha familia con longa tradición empresarial e relación directa coa cerámica de construción. Nas primeiras décadas dos século XX, Marcelino Suárez González, xunto co seus irmáns Leandro, Bienvenido e Benito, estableceu un pequeno emporio galego na produción e o comercio de mercadorías masivas: carbón, cal (tiñan minas e fábrica: Caleras de Valdeorras), abonos químicos, sal, cemento,... Leandro Suárez González, xunto co seu sobriño Vicente Suárez y Suaréz, establecéronse en Vigo cara 1910; primeiro como almacenistas de carbón, e despois tamén como navieiros (Marítima Suárez SA). *7

Dentro desta rede empresarial familiar, cara o ano 1935, ao primoxénito de Leandro, Tomás Suárez Eire, tocoulle ocuparse do comercio local en Vigo, para o cal tivo un gran almacén en Marqués de Valadares (e despois no edificio familiar na Praza de Compostela) no que vendía abonos químicos, cal, area, cemento e outros materias de construción entre os que destacaba a tella plana "de Alicante"

Para este sección do negocio da familia Suárez en Vigo, no ano 1941, fúndase a Suárez Eire Cía. Limitada, da cal será socio Leovigildo E. Blanco. Era Leovigildo, xunto co seu irmán Herberto, outro importante comerciante vigués, especializado en maquinaria e instalacións de pozos e bombas de auga; ou sexa equipos precisos para as canteiras de arxila modernas. En outono de 1947 (probable data de inicio da produción da nova factoría de Nigrán) Leovigildo Blanco foi designado "vocal directivo do grupo de terras cocidas" do sindicato vertical da provincia.

A explotación da CENIR mantívose en mans da Suárez Eire ata finais da década de 1950; cando se produce un gradual traspaso dalgúns dos seus bens en Nigrán a unha nova sociedade formada por Ángel Valverde Prado, Marcial Peralba Cabaleiro e Anselmo Cabello Rodríguez, que no ano 1958 tiñan constituído  Cerámicas de Nigrán Reunidas SLA nova CENIR SL, naceu cun capital de 1.020.000 ptas., repartido en tres partes iguais. O obxecto da sociedade era"Todo o relacionado coa cerámica en xeral, materiais de construción, concesións mineiras e a súa explotación, e execución de toda clase de obras, incluso as de carácter público e tanto no seu aspecto industrial como mercantil".

Na inscrición no Rexistro Mercantil do ano 1958, fíxase como sede social o "lugar de Tejeras o Telleira", pero en realidade non é ata 1961 que se fai a escritura do traspaso da propiedade da fábrica da Suárez EireCENIR SL. *5 e 8

Desta sociedade unicamente o porriñés Marcial Peralba Cabaleiro tiña relación co sector cerámico; o seu pai Marcial Peralba Fontáns fora un dos tres socios fundadores de Cerámica MAS  no Cerquido de Porriño, e tamén tivo negocios como contratista de obra pública. Marcial Peralba Cabaleiro amais de participar en CENIR e chegar a ser vicepresidente da MAS, tamén foi contratista de obra pública, e cofundou PERSA, un moderno comercio de cerámicas de construción "multimarca".

Ángel Valverde Prado, nado en Gondomar no 1893, era o socio con maior experiencia empresarial e vencello con Nigrán. Cara 1910, xunto co seu irmán Jesús e outros amigos fundaron Sociedad de electricidad Jesús Valverde & Cía: unha pioneira da electrificación de Galicia e España (tiña sedes en Vigo e Madrid). Esta empresa (coa súa filial Cía. de Suministros y Montajes Industriales) comezou facendo instalacións de redes e equipos eléctricos, pero que axiña pasou tamén os negocios de distribución e produción eléctrica así como o comercio de equipos, maquinaria e electrodomésticos. Os irmáns Valverde tamén tiveron a Electra Alto Miño e a Distribuidora Novium de Electricidad, e participaron na fundación da Distribuidora Gallega de Electricidad SA, da cal Ángel tivo o cargo de xerente. Ángel tamén participou na antiga fábrica de lámpadas Iria SA (Padrón), da cal despois transferiu a maquinaria para participar na madrileña Romachelar SA. No ano 1939, establece nos baixos da súa casa en Vigo La Iberia Industriosa SA, adicada a fabricación de tintas, ceras e outros produtos químicos. No 1945 participa na fundación da viguesa Vidrios La Florida; empresa na cal tivo como socio a Antonio Valcarce García, co que tamén participará nos Tranvías Eléctricos de Vigo SA e na refundación do Banco de Vigo (ano 1953). Tivo tamén serradoiro hidráulico en Couso (Gondomar), fábrica de xeo en Ribeira, bateas en Rande,...; e cara o final da súa carreira, moitas empresas inmobiliarias e construtoras, entre as que destaca TEPSA. *9

O terceiro dos socios era Anselmo Cabello Rodríguez, un aparellador, que a diferenza do que acontece con outros dous socios, non figura en ningunha das escrituras e expedientes administrativos da CENIR SL. Semella Anselmo un socio de palla, que de feito, no ano 1972, lle vende a 1/3 parte das súas accións a Marcial, que inmediatamente llas vende aos irmáns Fernández-Fernández de Tui, unha familia que tiña de antigo telleiras e fábricas de cerámica no Baixo Miño.

O fin de CENIR SA.

O fin de CENIR chegou cara 1972, cando o matrimonio formado por Diego Martínez Estévez e Elvira Argüelles Fernández compran a parcela da fábrica e outras anexas para adicalas a un "gran poboado turístico". 

Pero por varios indicios semella que o declive de CENIR foi anterior:

- a partir de mediados dos anos 60, a CENIR tivo conflitos e difíciles acordos cos veciños e concello de Nigrán, que demoraron a expropiación e explotación dos barreiros dos polígonos de Canido, Panjolín e Paradellas.*10, 11 e 12.

- en 1970 varias propiedades de CENIR foron embargadas xudicialmente por unha débeda desta con Instalaciones cerámicas y aplicaciones mecánicas SA. *5

- en 1971, prodúcese a caducidade da concesión mineira de Panjolín "por falta de pago do canon de superficie". 

Incluso é posible que actividade industrial en esmorecese moito antes, e que en realidade, chegado un punto, Marcial Peralba (daquela asociado cos Fernández-Fernández tamén na Cerámica MAS) tan só explotase os barreiros de Nigrán e as areas de Gaifar para vender ou transformala materia prima noutras fábricas súas. Así nunha alegación dun veciño no ano 1966, dise "que toda esta zona está conceptuada como turística, que ofrece para Panxón e Praia América un gran provir e unha boa fonte de ingresos para todos (...) superiores aos que o señor Peralba obterá coa explotación de arxila para a cerámica que ten instalada en Nigrán e que de feito non consume caolín". *12 e 13.

Maquinaria conservada

Non se conserva

Materalia

Procesos

e

produtos

Non temos testemuña directa de cales eran os procesos e produtos da CENIR, pero a vista dos documentos e noticias da hemeroteca podemos afirmar que se trataba dunha industria altamente mecanizada, adicada exclusivamente a transformación da arxila común do lugar en pezas de cerámica para a construción.

Extracción arxila:

Ao longo dos aproximadamente 25 anos de produción da CENIR, esta ten extraído tanto arxilas primarias (caolín, barro branco), como secundarias (barro común, alaranxado) de moi diversos barreiros da súa contorna. Como dixemos na reseña, semella que na factoría de Nigrán empregouse principalmente a arxila común, mentres que o caolín destinaríase a outras cerámicas.

A falta de maiores datos, podemos aventurar a seguinte secuencia: 

- Na década de 1940 os irmáns Álvarez-Blázquez e a Suárez Eire fornecíanse inicialmente do barro de parcelas propias do lugar de Fornos e das dunas de Gaifar.

- A comezos da década de 1950, a Suárez Eire obtén a concesión, e comeza a explotar mediante expropiación o inmenso polígono de Panjolín, que ao oeste do lugar da fábrica, abranguía os campos de Canido e totalidade das dunas de Gaifar ata o porto de Panxón. I é que (nunha dimensión que non podemos asegurar), foron as maquinas da CENIR, en cooperación co Concello de Nigrán, as responsables da monumental desaparición das dunas de Gaifar e Canido, que de seguido permitiu a urbanización de Paria América. Daquela tamén tiñan concesión doutro polígono chamado "Silexita", cuia localización descoñecemos. *12

- A mediados dos 50, a Suárez Eire tamén comeza a explotar bens propios na barreira de Ceán, que despois son ampliados pola CENIR SL. *5

- A mediados dos 60, e CENIR obtén a concesión de "Xentil", que cara o sur da Telleira, abarcaba o monte de Paradellas, e as paraxes de "Mallán, A Ponte, Matadoiro e outros". *11

A extracción empregaba medios puramente mecánica. En Paradellas no 1965 temos referencia de "máquina escavadora cargadora" e "camións", manexados por 4 operarios, polo sistema de "ceo aberto, en bancais horizontais cunha fronte de cen metros e unha potencia duns cinco metros" *11. Aparte, no lugar de Fornos, no ano 1961, descríbense "380 metros de carril en vía...de fábrica a barreiras para circulación de vagonetas" *5.

Transformación:

Á luz da maquinaria que aparece na escritura da propiedade da fábrica de 1961, a transformación tamén estaba altamente mecanizada. A fábrica contaba con "maquinas de moenda...un muíño triturador de coitelas...un muíño laminador" e non atopamos balsas decantadoras; isto é, moíase a terra arxilosa sen separar os croios, cuio produto era transportada dentro da fábrica mediante "unha cinta transportadora de arxila con correa de goma" e outra "de cadea, ...marca La Industriosa".

Tamén tiña "unha amasadora-misturadora de dous eixos" e unha "fresa biscoteira de baleiro" para preparar a masa de arxila para o modelado, que era feito en 4 carros de cortado (1 manual e 3 automáticos).

Unha vez modeladas as pezas, estas eran transportadas mediante outros "320 metros de carril en vía...empotrados en piso de cemento...para circulación interior de fábrica a secadoiros", así como "un montacargas de dúas plataformas" e "dúas carretillas elevadoras con plataforma tipo Fenwich".

O secado das pezas facíase en tres "secadoiros artificiais...de 12 cámaras (cada un)"; dous deles, anellos ao edificio forno, que funcionaban mediante "os alicerces de cachotería de pedra, nos que se asenta os condutos xerais de fumes....tomándoos dun calefactor", e un terceiro, pegado a cheminea, alimentado por "un grupo turbo-ventilador con cheminea correspondente".

Unha vez secas, as pezas eran cocidas nun inmenso "forno tipo Hoffman de 38,70 m de longo por 10,75 m de ancho, e capacidade interior de 3,20 m, de 16 cámaras...de dobre parede,... con bóveda e illamento intermedio".

Non temos noticia certa da enerxía empregada no forno, pero dado que na descrición da fábrica de 1961, non aparecen caldeiras, nin carboeiras, nin referencia a outros combustibles, e si unha "tendido eléctrico desde transformador a fábrica... instalación de fluído industrial na fábrica", é probable que o forno Hoffman fose eléctrico.

Produtos

"Fabricación de toda clase de ladrillos e pezas especiais para a construcción", reza un anuncio de prensa da CENIR do 1961, pero semella que principalmente fabricouse o común ladrillo "perforado", dos empregados para facer tapias e paredes. Así, estes figuran no acordo de permuta do ano 1956 entre a Suárez Eire e o Concello de Nigrán, polo cal a empresa podía aproveitar a arxila do lugar a cambio de prover ladrillos para o "feche do campo de xogo" municipal *14; ou tamén na "operación ladrillo", un programa de caridade promovido pola parroquia de San Fiz de Nigrán polo cal a fábrica, mensualmente, doaba ladrillos para a igrexa e as que as persoas "menos afortunadas vaian facendo algún arranxo na súa casa".

Mercado:

Todo parece indicar que a produción comercilizábase a nivel local, no mesmo Nigrán, ou a que puidesen facer a Suárez Eire, dende o seu almacén comercial de Vigo, e despois Marcial Peralba dende Porriño mediante a súa comercial PERSA. Na memoria do proxecto de explotación do barreiro de Paradellas, xustificase a produción debido a "gran evolución na edificación debido á bondade das súas numerosas praias (de Nigrán)". *11

Persoal:

Aparte dos "catro obreiros" do barreiro de Paradellas no ano 1965, non temos noticias sobre o persoal da CENIR. A vista da documentación, queda claro que a dirección no tempo de CENIR SL, recaía en Marcial Peralba (especialmente trala morte de Ángel Valverde no 1965); mentres que en tempos da Suárez Eire, o sería en Leovigildo Blanco, quizais auxiliado polo seu irmán segundo o apunte nas memorias de Ángel Valverde, que di que cando adquiriron a CENIR "a industria de facer tellas e ladrillos" fora "da empresa Suardiez (sic) e rexentábao Heriberto Blanco". *9

Arquitectura

Superficie parcela

38.000 m2

Superficie construida

 9 m2 (cheminea) 

Descritiva

A cheminea conservada aséntase sobre unha cámara prismática, duns 5-6 m de altura e uns 3 m de lado.*

Sobre esta cámara, que tiña unha boca no lado oeste que foi tapiada, eríxese o corpo tronco-cónico da cheminea propiamente dita; que na base ten un diámetro aproximado duns 2 m, que como é natural nestas obras, vai diminuíndo gradualmente ata o cumio; aínda que esta cheminea de CENIR presenta unha peculiaridade que fai pensar que foi recrecida nalgún momento: na súa parte superior diferéncianse dous corpos, separados por unha cornixa. Esta forma xa se aprecia na foto do Arquivo da Deputación provincial (circa 1950), e aínda hoxe en día tamén se aprecia diferente coloración dos ladrillos nese 1/5 superior.

Na escritura de 1961, dase unha altura total da cheminea de 36 m.

Cámara e cheminea están feitas en ladrillos macizos, colocados en soga.

No lado leste da cheminea, en cinco grandes pezas metálicas, está o letreiro de C E N I R.

A fábrica desaparecida, segundo a escritura da propiedade de 1961, ocupaba unha parcela de 7.500 m2 e constaba de 8 naves agrupadas no lindeiro sur, e que ocupaban en total uns 2.400 m2.

A a nave maior, de 900 m2, era ocupada na súa práctica totalidade polo forno Hoffman, sobre o cal había un sobrado de madeira que servía de secadoiro das pezas. Na esquina surleste, pero polo exterior, erixíase a cheminea 

Adosadas ao leste da nave do forno, amais da cheminea, había dúas naves de secadoiro, de 342 e 388 m2.

Ao norte do forno había outra parella de naves de 259 e 277 m de usos múltiples, que na parte superior tiñan un sobrado para secar as pezas con calor artificial, e baixo este piso, no sector oeste, ubicábanse as oficinas e o almacén, e no leste unha pequena nave de apenas 55 m2 e dúas plantas, que aloxaba "maquinaria de fabricación, laminación, amasado e grupo de baleiro"

Ao norte deste par de naves de usos múltiples, prolongábase outra nave (de dimensións non especificadas) na que había "o grupo de máquinas de alimentación e moenda e o taller". 

Por último, o conxunto de naves, completábase na esquina noroccidental cunha gran nave (de dimensións non especificadas) que servía para o almacenamento da arxila bruta.

Aparte deste conxunto de 8 naves, a parcela constaba de alpendres para a maquinaria de "extracción de terras", pozos, bombas, un aseo,...

As naves estaban construídas sobre alicerces de "formigón en masa e cachotería de pedra", con piares de "ladrillo e cemento", mentres que a "armadura da cuberta (era) de madeira de eucalipto...reforzadas con platinas de ferro". A cuberta era de "tella plana de Alicante".

*Aínda non puidemos facer medicións precisas da cheminea, aproximaremos aquí unha medidas en base a documentación histórica.

Planos

Estado de

conservación

Estado da cheminea: bo.

O único elemento que se conserva da CENIR presenta un "bo" estado de conservación e tan só a falta de traballos de mantemento impide calificalo como "moi bo".

A cheminea da CENIR apenas foi alterada dende o fin da súa vida útil (excepto o tapiado da boca da cámara), e tan só perdeu uns poucos ladrillos da boca superior. 

Estructuralmente parece conservarse perfectamente, non hai fendas, e aparentemente a obra manténse enteiramente recta.

Iso sí, como é natural despois de tanto tempo, e debido a meteoriación, a cara exterior dos ladrillos alternan as zonas erosionadas con outras cunha pátina escura debid.

Sería recomendable unha inspeción xeral e un tratamento contra a erosión certos traballos para asegurala sua boa conservación durante as próximas décadas.

(avaliado no inverno de 2020)

Cívica

Visita

Con permiso da propiedade, e durante a tempada vacacional.

Uso actual

Cámping

Protección 

histórico-cultural

- A cheminea non ten protección propia. 

- Os que si están incluídos no catálogo d "Plan Básico Autonómico" son os antigos fornos, baixo a denominación xenérica de "A Telleira", e asúa área de protección toca a cheminea. 

Afectación 

urbanística

- A parcela do Cámping Playa América é "solo urbano sen categorizar", calificado como "Equipamento; outro equipamentos" según as Normas Subsidiarias de Planeamento. 

- Non hai determinación algunha sobre a cheminea. 

No ano 1974, durante a construcción do camping, barallouse a idea de iluminar a cheminea como anuncio publicitario da nova actividade.

Proxectos de

reutilización

Coñecer máis 

* Cerámica tradicional.

- telleira de Cesantes

* Cerámicas modernas:

- Santa Clara (Lavadores).

- Casablanca (Lavadores).

- Royal China (Lavadores).

- Pontesa (Ponte Sampaio).

- Moahsa (Coruxo).

- Porcelas Arcadia (Arcade).

Patrimonio

relacionado

Non se coñecen

Testemuñas

Notas

Bibliografía

* 1: VILLAR QUINTEIRO, ROSA. "El alfar romano de Panxón (Nigrán, Pontevedra)", en Gallaecia: revista de arqueoloxía e antigüidade, nº 33. 2014.

* 2: LEIRO LOIS, ADELA; DAPORTA, XOSÉ RAMÓN; OTERO, SAÚL. As telleiras (Cabaqueiros). Vigo: ed. Ir Indo. 1993. 

* 3: CABANA YANES, DARÍO XOHÁN. Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra. Vigo: ed. Xerais de Galicia. 2008. 

* 4: ÁLVAREZ CACCAMO, ALFONSO. Xosé María Álvarez Blázquez, 1915-1985 : unha fotobiografía. Vigo: ed. Xerais de Galicia. 2008. 

* 7: GURRIARÁN RODRÍGUEZ, RICARDO. "Marcelino Suárez González",  en Empresarios de Galicia (Carmona Badía, Xan; Coord.). A Coruña: CIEF. 2006. 

* 9: VALVERDE ALONSO, ANTONIO. "Angel Valverde Prado (1893-1965)" na Revista de Estudos Miñoranos, nº 12-13. Gondomar: ed. Instituto de Estudos Miñoranos. 2014. 9

Arquivos

*5: Varias escrituras da propiedade conservadas polos herdeiros de Ángel Valverde Prado. 

* 6: Arquivo Municipal de Nigrán. "Licencia para la ejecución de distintas obras en establecimiento cerámico sito en Telleira-Nigrán"; exp. 584/47.

* 8: Rexistro Mercantil da Provincia de Pontevedra. Libro 84, Folio 242. 

* 10: AMN. "Solicitud de explotación de minas Panjolín y Xentil en las dunas de Gaifar"; exp. 282/69. 

* 11: AMN. "Expediente de extracción de caolín en el monte Paradellas, a nombre de Marcial Peralba Cabaleiro"; exp. 1270/8.

* 12: AMN. "Recurso de alzada interpuesto por D. Bernardo Vázquez Rial, como alcalde presidente del ayuntamiento de Nigrán, contra la resolución de la jefatura de minas de La Coruña que desetima oposición presentada contra el permiso de investigación Canido"; exp. 331/21.

* 13: AMN. "Extracción de arenas en el puerto de Panjón, con informe desfavorables de este ayuntamiento"; exp. 1270/9.

* 14: AMN. "Permutas, Leovigildo Blanco Rodríguez"; exp. 27/59. 

- A Xosé Mª e Celso Álvarez Cáccamo e polas indagacións na memoria e arquivo da súa familia.

- A José Pintado Valverde pola mesma.

- A Pedro Telmo Rodríguez Castro polas súas indicacións da toponímia local e os antigos barreiros da CENIR.

- A Xilberte Manso la Torre polas fotos dos antigos fornos e a noticia do alfar romano.

- Aos arquivos do Concello de Nigrán, da Deputación de Pontevedra e de Galicia.

Agradecementos

Última actualización da ficha: 5-IX-2022.

bottom of page