top of page
Ficha 003

BALEEIRA DA MASSÓ

Tipo

Baleeira

Sector

Pesca

Uso actual

Baldío

Concello

Cangas

Parroquia

Darbo

Lugar

Balea / Congorza

Enderezo

Non procede

Coord.

N 42º14'60'' O 8º47'21'' GPS: 42.2499, -8.7891

Historia

Fundación

1955

Feche

1983

Fundador

Massó Hermanos S.A.

Reseña

A caza de cetáceos en Galicia foi introducida por mariñeiros vascos no século XIII e seguidamente adoptada por galegos. Ambos grupos de mariñeiros a practicaron asiduamente ata o esquilme dos caladoiros galegos no tránsito dos séculos XVII ao XVIII.

Esta actividade rexurdiu no xeito industrial no inicio do século XX, desta volta coa asociación de empresarios noruegueses e españois. Entre os anos 1924 a 1927, un buque factoria (o “Alfonso XIII”) fondeou na temporada de caza na ensenada de Barra, onde era suministrada por varios arponeiros que cazaban rorcuais e cachalotes que pasaban nas súas migracións anuais por enfronte das costas galegas.

A baleeira de Punta Balea foi a última peza do complexo industrial dos Massó en Cangas. Inaugurada en setembro de 1955, a instalación desta baleeira fíxose aproveitando a oportunidade do desmantelamento da de Benzú (Ceuta) tralo agotamento do seu caladoiro no ano 1954. De Marrocos viñeron a maquinaria (5 autoclaves, 1 fundidor de graxa Hartmann e 5 depósitos) asi como man de obra cualificada.

Inicialmente Massó non contaba con buque baleeiro propio, e a provisión de cetáceos dependeu do “Lobeiro” e outros arponeiros dunha empresa que tiña os dereitos de caza entre o Miño e Estaca de Bares: Industria Ballenera SA. A cooperación entre Masso e IBSA (que tamén posuia a factoria de Caneliñas) foi tal que no ano 1971 a baleeira de Masso, intégrase en IBSA.

A caza de cetáceos mostrouse como unha moi lucrativa actividade, de tal xeito que Massó fundou en 1965 outra baleeira en Morás (Xove) que funcionou ata 1976.

O fin da baleeira de Cangas en 1983 (así como a de Cee, en 1985), viu dada pola toma de conciencia no esquilme dos cetáceos (amais, en 1980 un atentado ecoloxísta afundiu os arponeiros IBSA I e II no porto de Marín) que tivo o seu colofón na sinatura no ano 1982 da “moratoria internacional da caza da balea”, que entraría en vigor no inicio de 1986.

Calcúlase que nos intervalo de 60 anos e 37 temporadas que durou de caza industrial da balea, en Galicia capturáronse e tratáronse uns 13.000 cetáceos (algúns deles alevíns) *1.

Procesos

e

produtos

A temporada de caza comezaba en abril e remataba en novembro. O centro do caladoiro atopábase a 40 ou 50 millas ao noroeste de Fisterra. Os arponeiros mataban un ou varios animais que amarraban ao seu costado, ainda que pasadas as 14-15 horas o animal comezaba a descompoñerse. Unha vez en porto o arponeiro deixaba os animais (no caso dos rorcuais de ata 27 m e 120 t) amarrados nuns flotadores enfronte a factoría ata que, chegado o turno de despece, uns botes achegabaos a rampla para ser izados por un chigre.

Unha vez na plataforma, un equipo de 25 homes e mulleres procesaban o animal nunhas poucas horas. Os homes, coa axuda de grandes coitelos, ganchos e o mesmo chigre, separaban grandes pezas de graxa e músculo. A graxa era seccionada na mesma plataforma e enviada a fundir nos autoclaves, decantada e depositada (nun depósito xeral ou en barris). Mentres que a carne eran levados a unha plataforma alta, onde as mulleres separaban, despelaban e conxelaban as pezas de carne proveitosa.

O producto estrela era a graxa dos cetáceos, a cal fundíase en grandes autoclaves e almacenábase nun gran depósito e barrís na mesma mesma factoría, e noutros casos era levado a outras industrias (como AFAMSA ou AUCOSA). Dos cetáceos obtíñanse aceites de diversa calidade, unhas para o consumo humano como parte de margarinas e outras calidades para usos industriais varios (xabóns, lubricantes,...).

A carne de balea inicialmente era un subproducto pouco valorado (tentouse introducir con pouco éxito no mercado español), e incluso a de cachalote empregábase xuntamente coas visceras e peles e osos (que eran calcinados) para fecer fariñas de pescado, pensos animais e fertilizantes. Isto mudou a comezos dos anos 70, cando foi posible a súa exportación a Xapón (de Xapón a Cangas viñeron carniceiros especializados) e as carnes máis valiosas eran seleccionadas e conxeladas na mesma Massó de Cangas ou na AUCOSA de Vigo.

Outro producto moi valioso, aínda que escaso, era o “ambar gris”, extraído dos intestinos dos cachalotes, e empregado en perfumería.

Maquinaria

conservada

Materalia

Non se coñece

Arquitectura

Superficie parcela

60.000 m2 (complexo)

2440 m2 (só baleeira)

Sup. ocupación

Descritiva-

No conxunto da baleeira de Massó en Cangas pódense diferénciar os cinco elementos arquitectónicos seguintes:

- Nave de tallado: en orixe, unha simple plataforma feita de pedra, duns 70x20 metros, forrada de madeira para facilitar o arrastre das capturas e as súas talladas. A finais da década de 1970, a plataforma foi cuberta con armaduras de cemento pretensado e pranchas de fibrocemento e tapiada, ata media altura con bloques de cemento e, de aí para arriba, con pranchas de fibrocemento. A altura desta nave é de arredor dos 10-12m. Esta mesma reforma incluiu, no fondo do espazo, a separación dun cuarto, elevado uns 70 cm, cunha mesa-plataforma, duns 3x10 m e 60cm de alto, para o esnaquizamento das graxas e restos de segunda calidade; este cuarto e a mesa-plataforma están conectados co espazo principal por ramplas. A nave de tallado prolóngas ate o mar cunha rampla duns 15 x 40 m, en orixe tamén forrada da madeira, despois pavimentada de cemento.

- Conxunto oriental de tres naves: no extremo leste, dispóñense un conxunto de tres naves duns 7x21 cada unha, e unha altura duns 10 metros . Están as tres sostidas con estrutura de formigón armado de 30cm de grosor, sobre o que erixiu unha teitume feita con armaduras de madeira ao xeito tradicional, pero cuberto con fibrocemento; as paredes exteriores son de blocos de formigón. Nestas naves era onde se traballaba a carne e graxa de primeira calidade, e é aquí onde estaban as mesas onde traballaban as mulleres o miudo da carne e graxa, e o cuarto onde se conservaba a carne en xeo, ademais de outras dependencias como os aseos e a forxa. Neste conxunto, na nave inmediata a plataforma de tallado, había un corpo de dúas alturas, que albergaba a maquinaria para fundir a graxa.

- Conxunto occidental de dúas naves: no extremo oeste, eríxese un conxunto de dúas naves duns 35x5.5 m. e semellantes técnicas constructivas ao anterior. Na nave pegada a nave de tallado sobresae un corpo de dúas alturas no que obtiñan as graxas de segunda e calcinaban os demais restos dos animais. Nesta nave, na parte dunha altura, atópase a balsa de decantado da graxa, duns 240 m2, e cando menos 3-4 m de profundidade.

- Ghalpón. No recuncho noroeste (onde anteriormente estaba a caseta da maquina de vapor) atópase unha pequena nave de 65 m2 que ten anexa a chimenea de ladrillo.

- Explanada norte, por onde se accedia as diversas partes e se alamacenaban os barris de aceite.

Planos

Estado de

conservación

Estado xeral: regular.

As reformas do ano 78 desvirtuaron o conxunto inicial.

Desparicion da maquinaria e outros elementos metálicos.

Conservanse algúns elementos de madeira como as armazóns do teito, mesas de traballo e plataformas.

As estructuras de formigón armado e parametos de formigón en bo estado.

Derrubes locais das cubertas na nave de tallado.

Derrubes amplos nas cubertas das naves leste e o oeste.

O entaboado atopáse levantado en boa parte plataforma, mentres que na rampla de izado está baixo un pavimento de formigón.

Os elementos petreos: fundamento da plataforma, recheo e muros do dique exterior, en bo estado, excepto a parte baixa da rampla.

Cheminea de tixolo enteira, pero presenta unha fenda na cara norte.

(evaluado en verán de 2017)

Cívica

Visitable

Só exteriormente

Uso actual

Baldío

A parte costeira é concesión privada en dominio público.

A parte interior é propiedade privada.

Propiedade

Proteccion histórico-cultural

Ningunha

Afectación 

urbanística

- Parte do complexo Masso atópase no Dominio Público Maritimo-Terrestre. Ver plano 

- O Planeamento Urbanístico que afectaba ao complexo Masso caiu coa ilegalización do PXOU en 2005. Dende entón non se desenvolveu ningún novo planeamento que afecte a UA 27 na que está inclusa a baleeira. Ver Plano.

Proxectos de

reutilización

Coñecer máis 

* Complexo Massó Cangas:

- Salazón da Congorza.

- Poboado de traballadores.

- Hotel.

- Almacén.

- Conserveira.

- Salazón de Paganini.

* Museo Massó Bueu:

- vértebra balea.

- salvavidas do arponeiro “Lobeiro” .
- canón arponeiro.

- salvavidas do arponeiro “Caneliñas”.

- fotografía arponeiro en acción .
- fotografía do arponeiro “Lobeiro”.

* Buque baleeiro:

- "Southern Actor" (anteriormente "IBSA uno") en Sandfjord (Noruega).

* Factorias AUCOSA:

- en Punta Chapelisa.

- en Beiramar.

* Factorias AFAMSA:

- no recheo de Guixar.

- en Lavadores.

Patrimonio

relacionado

* Reportaxe xornalístico aos arponeiros Plácido Montenegro e Francisco Alfaya. Ano 2010.

* Testemuña de Carmen Fernández Mariño, Pilar Ferrari Parcero, María Villar Lima e María Xesús en: Millán en Cuñarro Pintos, F. (dir.), As mulleres da conserva. Cangas: Asociación Cultural A Cepa. 2009. 

* Reportaxe xornalístico, con entrevistas a tres traballadores da baleeira no programa "Pescadores a vista", da TVG. Ano 2018.

Testemuña de José Lamas Pazó, ex-traballador da baleeira no documental "Massó no recordo", realizado polo 6º de primaira do curso 2013-14 do CEIP A Rúa.

Testemuñas

Bibliografía

* VALDES HANSEN, FELIPE; Los balleneros en Galicia (Siglos xiii al xx). A Coruña:  Fundación Pedro Barrié de la Maza. 2010.

 *MUÑOZ ABELEDO, LUISA. "Gaspar Massó Gracía", en Empresarios de Galicia (Carmona Badía, Xan; Coord.). A Coruña: CIEF. 2006. 

* AGUILAR VILA, ÀLEX. Chimán : la pesca ballenera moderna en la Península Ibérica. Barcelona: Universitat de Barcelona. 2013.

* CUADRADO GAGO, J. PEDRO. “Baleeira – Cangas”. Madrid: Inédito, Seminario de Fuentes Orales, Universidade Complutense. 2009.

* JULIAN ADAN, EVA(coord.) "Estudo de usos públicos e sociais para a recuperación natural e patrimonial do ámbito do Salgueirón". A Oitava Illa. 2007

* VIÑERS SALINAS, MARIA. Arquitectura y dibujo: la fábrica Massó de Cangas de Morrazo. Traballo final de Grado, ETS Arquitectura Universidad Complutense de Madrid. 2017.

* VV.AA., “A factoría baleeira de Massó”, Xunta de Galicia, 2006.

* AGUILAR VILA, ÁLEX e LÓPEZ DE PRADO NISTAL, COVADONGA. De Punta Balea a Cabo Morás: A caza moderna da balea en Galicia. A Coruña: ed. Museo Massó. 2015.

* Ficha 152 do Inventario da "Asociación Galega do Patrimonio Industrial Buxa". www.asociacionbuxa.com. Consultado o 15-XI-2017.

* Ficha 2 do "Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca" de BEREA, EDUARDO e GARCÍA MOVILLA, C. Madrid: MOPU. 1993.

* Ficha 033 do "Proyecto COAG/VIGO: patrimonio arquitectónico moderno y contemporáneo en Galicia ‘Arquitectura industrial en Vigo" de SOBRINO FAGILDE, IRIA e CALVIÑO IGLESIAS, RAI . Vigo: ed. COAG Vigo. 2008.

A Pedro Cuadrado Gago, por aportar informacións e documentos para realizar esta ficha

Agradecementos

bottom of page