Tipo
Conserveira
Sector
Pesca
Uso actual
Baldío
Concello
Vigo
Parroquia
Bouzas
Lugar
Bouzas
Enderezo
R/ Tomás Alonso, 186
Coord.
N 42°13'28 O 8°44'56 GPS: 42.2244, -8.7488
Vista do edificio principal e o xardín de conservas Alfageme. Foto do catálogo de 1969, colección de Vigo Industrial.
A factoría Alfageme de Bouzas nunha vista aérea tirada arredor do ano 2001. Foto do Museo ANFACO ©.
Vista panorámica dende a entrada á parcela principal. A dereita o edificio principal, de fronte a nave anexa e a esquerda a vivenda dos donos. Montaxe de dúas fotos de Uxío Reinoso, ano 2010.
Historia
Fundación
1927
Feche
2010
Fundador
Bernardo Alfageme S.L.
Vista das naves da madeira ao pouco de comezar a funcionar. Foto de El Pueblo Gallego do 26-X-1927.
Vista do interior do serradoiro e almacén de madeira ao pouco de comezar a funcionar. Foto de El Pueblo Gallego do 26-X-1927.
Aspecto dun derrube acontecido na obra do edificio despois dunha tempestade. Foto do Vida Gallega do 31-I-1930.
Vista da nave de central, coas mesas de limpeza e engrellado das sardiña. Esta foi a imaxe da portada dos catálogo de conservas Alfageme entre, cando menos, 1936 e 1958. Foto do catálogo do ano 1958, colección de Vigo Industrial.
Vista da nave central, coas mulleres disposta para colocalas sardiñas na lata. Foto do Museo ANFACO.
Foto de Bouzas do "voo americano de 1945". Apréciese como aínda non estaban erixidos os almacéns da concesión portuaria.
Reseña
Pendente de elaboración.
Procesos e produtos
Pendente de elaboración.
Maquinaria
conservada
Foto do ano 2017 dun recuncho da cantina da factoría Alfageme de Bouzas, onde ao xeito de exposición había unha báscula marca Pibernat e unha antiga sertidora. Foto © Juan Iglesias Abellán.
Vista onde se aprecia colocación a cinta transportadora, que permitía movelas mercadorías entre a nave anexa e a primeira planta do edificio principal. Foto Uxío Reinoso, ano 2017.
Detalle da cabeza que se podía abater para trasfegar a mercadoría entre a primeira planta do edificio principal e nave anexa. Foto Uxío Reinoso, ano 2017.
Materalia
Factura xirada o 12-XII-1912 por Bernardo Alfageme Pérez ao seu pai Francísco Alfageme Ramos. Folla simple: 27x21 cm. Colección de Vigo Industrial.
Lámina publicitaria. Muséu del Pueblu d´Asturies.
Díptico: 26x17 cm. Colección de Vigo Industrial.
Arquitectura
Superficie parcela
14.257 m2
Sup. ocupación
11.550 m2
Interior da nave central do edificio principal de conservas Alfageme. Foto José Chas, 2018.
Vista do estremo sur da nave central, apreciese a estrutura metálica da nave e un dos dous faiados. Foto © Juan Iglesias Abellán, ano 2016.
Aspecto do espazo central da nave principal dende a primeira planta. Foto Uxío Reinoso ano 2017.
Aspecto das oficinas da primeira planta da nave principal. Foto José Chas, 2018.
A sala de xuntas, no estremos SL da primeira planta do edificio principal. Foto © Juan Iglesias Abellán, ano 2016.
Vista parcial dao laboratorio da conserveira Alfageme, na planta primeira do edificio principal. Foto © Juan Iglesias Abellán, ano 2016.
Descritiva
Nota: A conserveira Alfageme ocupou durante a maior parte da súa historia dúas parcelas, a principal, entre as avenidas de Beiramar e rúa de Tomás Alonso (onde se atopaba a fábrica propiamente dita), e a parcela da concesión portuaria (entre a avenida de Beiramar e o mar). No ano 2018 esta parcela e as súas naves foron repartida en dúas novas concesións industrais para os estaleiros Cardama e Freire. Trátase pois neste sentido dun elemento independente, que deberá ser reconvertido nun novo uso industrial. Por esta razón, neste catálogo imos considerar a fábrica e naves portuarias dous bens distintos. Nesta ficha focalizamos a atención sobre os elementos da Alfageme da parcela principal, quedando as naves portuarias para unha vindeira ficha.
Ata o ano 1927, no que os Alfageme iniciaron a construción das súas instalacións, o lugar da parcela principal era un campo no límite do casco urbano de Bouzas, no que levaba anos xogando o club de fútbol Fortuna. Era un pois un lugar bastante chairo (denominado daquela Figueiras) que cara o norte lindaba co mar. 1
Actualmente, segundo o catastro, a parcela principal ocupa 14.257 m2. As dimensións máximas son de aproximadamente 140 m no eixo SO-NL, e 120 m no SL-NO. O forma da parcela é irregular, pero, pódese esquematizar coma un pentágono con cinco lados duns 80-95 m. Os lados rectos son o sueste, que dá a rúa de Tomás Alonso, o leste, que dá a varias pequenas parcelas de vivendas, e o norte, que antes daba o mar, e agora da a Avd. de Beiramar, Os lados noroeste (entre o barrio do Cruceiro Vello e a rúa Simancas) e suroeste (entre a rúa Simancas e Tomás Alonso) son máis irregulares, con moitas parcelas ocupadas por diverso tipo de vivendas.
Dentro desta parcela podemos distinguir os seguintes elementos principais: as antigas naves da madeira, o edificio principal, a nave anexa, o edificio de servizos e a vivenda dos donos.
- A primeira instalación dos Alfageme nesta parcela foron unhas naves para serradoiro e almacéns de madeira importada. Esta antigas naves da madeira aínda ocupan o cuadrante noroeste da parcela, nunha superficie duns 2.800 m2. Trátase de catro naves de planta baixa duns 14 m de ancho, sendo a máis occidental duns 60 m de longo, e as tres seguintes uns 15 m máis curtas. Estas naves están fechadas con muros de diferente obra cantería, uns máis rudimentarios ca outros , pero os que dan cara o o interior da parcela son de cantería regular e acabada, con abundantes fiestras e portas dispostas ordenadamente, isto é, cun acabado nobre e composición harmoniosa co resto de edificios da parcela principal.
Unhas fotos de 1927 permítenos distinguir que tanto a estrutura de madeira da teitume (de catro augas por nave), coma as vigas (tamén de estrutura de madeira), coma os piares de ladrillo, son os orixinais que aínda se conservan. A que si é de máis moderna instalación é a cuberta, que en orixe era de tella plana e agora é de chapa.
- A seguinte edificación por antigüidade é o edificio principal da conserveira. O edificio que hoxe admiramos foi resultado dun proceso que se iniciou en 1928 cun primeiro deseño do arquitecto Manuel Gómez Román substancialmente distinto ao actual. Este primitivo deseño debeu ser axiña modificado, xa que nunhas fotos dun derrube acontecido en xaneiro de 1930 atopamos xa parte da fachada sueste coa composición actual. Despois deste derrube, as obras deberon concluír axiña, xa que cara finais de 1931 xa atopamos as mulleres traballando nas conservas.
A nivel edilicio, o edificio que entrou en funcionamento no ano 1931 é basicamente o a que atopamos agora. Ten unha superficie de 3.990 m2. A planta ten forma de trapecio cos lados maiores (suroeste -82 m- e nordés -62 m-) practicamente paralelos, e os menores lixeiramente oblicuos, resultando un eixo lonxitudinal central duns 72 m de longo. O ancho vai dos 57 m na fachada sueste aos 59 m na norte.
Comparado con outras obras de M. Gómez Román desta e época (como a central de Correos ou a sede da Caixa de Aforros de Vigo), as fachadas de Alfageme ten menos riqueza ornamental e compositiva, resultando como un esquema sintético daquelas. Así, en vez dunha composición de columnas e/ou pilastras sobre zócolo (máis ou menos ornamentadas), aquí o que atopamos é unha simple e xenerosa soleira de 1,90 m de alto, sobre o que se erixe unha orde de altas pilastras espidas e amplos vans. Amais estes vans son alixeirados con abundantes vidros e carpintería pintada de branco, creando un forte contraste co granito espido das pilastras e lenzos.
Nas fachadas laterais os muros están rematados por unha potente cornixa, e por riba del, un antepeito. No caso das fachas principais (a sueste e a norte), por riba da orde de pilastras e vans volve a amplitude do lenzo pétreo. Os pinches das tres naves son convertidos en sólidos e espidos frontóns (apenas alixeirado cunhas xanelas no pinche central e uns leves refundidos ortogonais nos laterais) contornados por unha potente cornixa de xenerosas molduras. No centro da facha, a liña oscilante da cornixa é truncada nunha horizontal coroada por outro antepeito, que agora si conta con algúns elementos decorativos. Neste treito central, na fachada sueste, destacan por debaixo da cornixa o letreiro “BERNARDO ALFAGEME” e por riba, integrado no antepeito, en azulexo pintado a man, o deseño dos tres gatiños de MIAU!!.
Interiormente o edificio consta de tres naves con dúas plantas. As naves laterais son xemelgas, teñen 14,6 m de anchura e unha altura de cumieira duns 12 m. A nave central é moito máis ampla, uns 27 m de ancho, e unha cumieira duns 15 m de altura. A planta baixa ten unha altura duns 4,75 m, e a primeira preto dos 3 m. En realidade a primeira planta só se estende polas naves laterais (para aloxar almacéns, aseos, ...), os estremos norte (laboratorio, vivenda do encargado,...) e sueste (oficinas, sala de xuntas,...) da nave central, abríndose un gran e luminoso oco duns 50x27 m sobre o centro da planta baixa. O sobrado da primeira planta é de madeira nobre. Tamén son de madeira nobre, acompañado de vidro, boa parte das divisións internas da primeira planta (oficinas, laboratorio, almacéns,...). Amais, nos estremos da nave central hai sendos faiados (arquivo no sueste e oficinas no norte), feitos tamén de sobrado e paredes de panel de madeira. Teitumes e sobrados deste edificio apoiamse nos muros de granito exteriores, pero principalmente, por unha potente estrutura de piares e vigas metálicas. Tamén son metálicas as cerchas da nave principal, mentres que as laterais son de madeira. As cubertas das tres naves (a dúas augas) son de chapa ondulada, sendo as da cumieira desta nave central translúcidas.
Cabe por último indicar como elemento singular deste edificio principal a dobre rampla que dende a porta central da fachada norte descendía ata a praia (hoxe a avenida de Beiramar).
- Pegada polo oeste a nave principal está a que chamamos nave anexa, que en orixe foi concibida como “taller mecánico” aínda que maiormente serviu como molle cuberto para recepción e expedición de mercancías.
É esta unha nave dunha planta e forma rectangular duns 51 m de longo e 11 m de ancho. Foi este tamén un deseño de M. Gómez Román, feito no ano 1939. Tanto o deseño como as técnicas e materiais empregados son moi semellantes ós da nave principal. Esta é a descrición da obra dada polo arquitecto:
“cimentación de formigón en masa e sobre esta unha soleira de perpiaño. Fachadas de perpiaño de diversos espesores cunha cornixa e antepeito de coroación. Coitelos e entramados de cuberta de ferro laminados de distinto perfís, dispostos para recibir tella plana. Piso de de cemento continuo sobre firme de formigón en masa (…). As luces interiores serán de madeira de castiñeiro pintadas ao aceite. Ás exteriores serán metálicas e irán provistos de bastidores practicables (...). Nesta nave disponse dunha escaleira de acceso ás naves laterais que será de formigón armado con varanda de ladrillo e ferro”. 1
Esta construción foi posteriormente complementada cunha xenerosa marquesiña de estrutura metálica na fachada sueste.
- Non temos moita documentación nin referencias da vivenda dos donos. Certa noticia parece indicar que cando estourou a guerra civil xa estaba construída (t.1), e por razóns de peso (o inconfundible estilo rexionalista neobarroco e o vínculo coa familia Alfageme) o proxecto arquitectónico é tamén atribuído a M. Gómez Román. A obra exterior combina nos lenzos o perpiaño visto e o revestido de morteiro branco. A diferenza doutros edificios da parcela, na vivenda dos donos proliferan os detalles decorativos, como pináculos, ménsulas, volutas,... Esta vivenda consta de soto e dúas plantas duns 170 m2 máis un terceira altura cun volume abufardado duns 60 m2. A vivenda está pegada á fachada sueste das naves da madeira, pero nas outras tres caras abundan as fiestras. A entrada “nobre” á casa facíase cun curta escaleira no lado suroeste, e ao do servizo polo soto mediente unha comunicación inferior coa nave da madeira.
- Nunha data que descoñecemos, pero remota (décadas de 1930 ou 1940), na esquina sudoccidental erixiuse un edificio de servizos. Tamén feito de perpiaño de granito e carpintería exterior pintada de branco, consta de dúas naves duns 20x14 m (560 m2 en total). A nave occidental é dunha única planta e aloxou un taller mecánico, mentres que a oriental é de dúas plantas, a baixa adicada a vestiarios e a superior a cociña e cantina. A cuberta é de tella plana e a catro augas.
Na parcela principal, atopamos amais outros elementos menores destacables coma: depósito de auga elevado (para 50 m3), marquesiña do aparcadoiro, portalón de entrada e portería, unha ampla superficie empedrada (uns 2.200 m2) e varios espazos axardinados (uns 2.800 m2) que contan con numerosas árbores, un hórreo, farois de fundición,...
Planos
Alzado da facha principal da nave anexa do proxecto do ano 1939 de Manuel Gómez Román. Conservado no Arquivo Municipal de Vigo.
Alzado da facha posterior da nave anexa do proxecto do ano 1939 de Manuel Gómez Román. Conservado no Arquivo Municipal de Vigo.
Sección transversal da nave anexa do proxecto do ano 1939 de Manuel Gómez Román. Conservado no Arquivo Municipal de Vigo.
Estado de conservación
Pendente de elaboración
Cívica
Visita
Inaccesible.
Uso actual
Baldío.
As últimas informacións apunta que a propiedade da parcela está repartida do seguinte xeito: 49% Abanca e 51% Inmobiliaria Aliseda (antigamente 100% do Banco Popular, actualmente participada nun 51% por Blackstone Group e nun 49% por Banco Santander).
Propiedade
Proteccion
histórico-cultural
A conserveira Alfageme está incluida no Catálogo do Plan Xeral de Vigo
Afectación urbanística
Pendente de elaboración.
Proxectos de reutilización
Pendente de elaboración.
Coñecer máis
Patrimonio
relacionado
* Naves da Alfageme en cocesión portuaria.
* Buque arrastreiro Bernardo Alfageme.
* Empresas viguesas participadas por Bernardo Alfageme SA:
- AUCOSA.
- Carnaud.
Telmo Comesaña Pampillón contanos que o seu familiar, Emilio Comesaña Sobreira (preso talo golpe de estado, e fusilado o 6 de outubro de 1936), foi o carpinteiro autor das escaleiras interiores da vivenda dos donos. t.1
Testemuñas
Bibliografía
* CARMONA, XAN; IGLESIAS, XOSÉ RAMÓN e LÓPEZ, MARIÑA. Alfageme. Historia e memoria. Ed. Instituto de Estudios Vigueses. Vigo. 2020. 1
* RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ, MANUEL RAMÓN. "Los Alfageme. La saga de una gran marca: Conservas Miau", en Las familias de la conserva. (Carmona Badía, Xan; coord.) ed. Deputación de Pontevedra e ANFACO-CECOPESCA, 2011.
* VV. AA. La colección del Museo ANFACO, en el 150 aniversario de la Unión Conservera. Ed. ANFACO-CECOPESCA. Vigo. 2019.
* CARMONA BADIA, XAN. “Desarrollo industrial y asociacionismo empresarial en la historia del sector conservero gallego”, en 100 años de Unión Conservera. Ed. ANFACO. Vigo, 2004.
* GARRIDO RODRÍGUEZ, XAIME e IGLESIAS VEIGA, XOSÉ Mª. X. Manuel Gómez Román. Mestre de arquitectura galeguista. Vigo. Ed. Xerais de Galicia. 1995.
* PÉREZ FERNÁNDEZ, FRANCISCO. Arquitectura Industrial en Vigo (1898-1939). Orígenes, evolución y estado actual (usos y perspectivas de futuro). Vigo: ed. Instituto de Estudios Vigueses. 2016.
* Ficha 84 do "Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca" de BEREA, EDUARDO e GARCÍA MOVILLA, C. Ed. MOPU. 1993.
* Ficha A047 do "Catálogo do Patrimonio do PXOM de Vigo". Vigo. Consultora Galega. 2008.
* Ficha 140 do "Proyecto COAG/VIGO: patrimonio arquitectónico moderno y contemporáneo en Galicia ‘Arquitectura industrial en Vigo." de SOBRINO FAGILDE, IRIA e CALVIÑO IGLESIAS, RAI . Vigo: ed. COAG Vigo. 2008.
* Ficha 344 do inventario da "Asociación Galega do Patrimonio Industrial Buxa www.asociacionbuxa.com. Consultado o 14-I-2021.
* FRANCO, ÓSCAR. Ficha do "Edificio da conserveira Alfageme" no catálogo de patrimoniogalego.net. Consultado o 01-II-2021.
Agradecementos
Ao Museo Anfaco da conserva, a José Chas e a Juan Iglesias Abellán por ter cedido as fotografías. A Telmo Comesaña Pampillón pola testemuña.